Historias

de España e do Mundo, para o Bacharelato

A España isabelina (1833-1868)


5.3. A España isabelina. O carlismo e as opcións liberais (1833-1868)

1.1. Características xerais

A inestabilidade: O período denominado isabelino abarca desde a morte de Fernando VII en 1833 ata o derrocamento de Isabel II en 1868. Nestes anos asentouse definitivamente en España o sistema político liberal. Sen embargo, este proceso desenvolveuse nun clima de constante inestabilidade política. Iniciado cunha guerra civil, o reinado ven marcado por constantes pronunciamentos, revoltas e cambios de goberno á marxe dos mecanismos electorais.

Os papel dos militares: desempeñaron un papel moi activo na implantación e desenvolvemento do estado liberal español. Incluso en varios momentos clave atopamos gobernos presididos por xenerais (chamabanlle os espadóns) tanto de filiación progresista como moderada (Espartero, Narváez, O´Donnell…). As súas raíces áchanse na incapacidade da Coroa e dos partidos políticos para establecer unha alternancia política pacífica, á dicir, pola vía parlamentaria. Moitos dos cambios políticos decisivos na España do século XIX viñeron precedidos dun pronunciamento militar. En definitiva, no xogo de forzas Coroa-partidos políticos-militares, rematou por se impoñer na España do XIX a preponderancia militar.

O espectro político ven marcado por dous protagonistas: o Partido Moderado e o Partido Progresista, os cales aparecen xa claramente perfilados nos anos 30 e encarnan dúas concepcións diferentes do liberalismo. Á marxe destas dúas grandes opcións sitúanse outras correntes políticas, cun peso menor dentro da vida política: aquelas que o doutrinarismo liberal deixa fóra: carlistas por unha banda, demócratas e republicanos pola outra.

O predominio do moderantismo, con longas etapas de permanencia no poder, e exemplificado na Constitución de 1845 ou outras medidas significativas (fundación da Garda Civil, Concordato…), fronte a períodos máis breves de progresismo, nos que sen embargo se adoptan medidas de notable relevancia (desamortizacións, lei de ferrocarrís…). Isto acabara provocando o seu final.

ETAPAS

RASGOS XERAIS

REINADO DE

ISABEL II

(1833-68 )

. Rexencias de María Cristina (1833-40) e de Espartero (1840-43)

. Década moderada (1843-54)

. Bienio progresista (1854-56)

. 2º Período moderado (1856-68 )

. Período de rexencias: vitoria militar sobre o Absolutismo (1ª Guerra Carlista). Destrución das bases xurídico-políticas e socio-económicas do A. Réxime (Constitución de 1837 -precedida do “Estatuto Real” de 1834-, desamortización, supresión dos señoríos, liberdade de industria e comercio… ).

. A partir de 1843 (coa paréntese progresista de 1854-56) os liberais moderados controlan o goberno e deixan unha forte impronta conservadora no réxime (Constitución de 1845, achegamento á Igrexa, creación da Garda Civil… ).

. O carácter pechado do réxime provoca a Revolución de 1868 e o exilio de Isabel II.

1.2 O período de Rexencias (1833-1843): a Guerra Carlista e a instauración do réxime liberal

Á morte de Fernando VII (1833) herda o trono a súa filla Isabel, de tres anos de idade, o que obriga a establecer un sistema de rexencia, primeiro coa súa nai María Cristina e despois co xeneral Espartero. Durante estas inestables rexencias proseguiu a loita entre a absolutismo e liberalismo na I Guerra Carlista, instaurándose finalmente un réxime liberal.

A I Guerra Carlista (1833-39):

Causas: En 1830, o nacemento dunha filla do rei, Isabel, deu lugar a un grave conflito na sucesión o trono. A Lei Sálica de orixe francesa e implantada po Felipe V en España, impedíalle o acceso ó trono ás mulleres, pero Fernando VII, influído pola súa muller María Cristina, promulgou a Pragmática Sanción, que derrogaba a lei Sálica e que lle abría o camiño ó trono á súa filla e herdeira, Isabel II. No ano 1833, Fernando VII morreu, reafirmando no seu testamento a súa filla Isabel, de tres anos de idade, como herdeira do trono, e nomeando á Raíña gobernadora ata a maioría de idade da súa filla. O mesmo día, don Carlos proclamouse rei e iniciouse un levantamento absolutista no norte de España. É o comezo da primeira guerra carlista.

Os sublevados proclamaron rei ó infante Don Carlos María Isidro (Manifesto de Abrantes), irmán do defunto Fernando VII, confiando nel a defensa da sociedade tradicional. Daba así comezo unha sanguenta guerra civil que se libraría esencialmente no País Vasco, aínda que os enfrontamentos se estenderon tamén a zonas de Cataluña, Aragón é Valencia.

Os bandos en conflito: O carlismo, tradicionalista e antiliberal, englobou unha parte da nobreza rural, unha gran parte do clero e unha base social campesiña das zonas rurais do País Vasco, Navarra e parte de Cataluña, Aragón e Valencia. Gran parte deles eran pequenos propietarios empobrecidos, artesáns que vían con desconfianza as reformas tributarias, a igualdade xurídica, a separación da Igrexa e do Estado e a abolición dos foros tradicionais. Baixo o lema de “Deus, patria e foros” agrupáronse os defensores da lexitimidade da monarquía absoluta, da preeminencia da Igrexa católica e da conservación dun sistema foral particularista. Representaban unha sociedade arcaica e conservadora, para a que as doutrinas liberais eran a expresión da perversa sociedade urbana. (doc.1)

Os liberais (ou cristinos, ou isabelinos) Ante o levantamento carlista, a rexente María Cristina pactou ben axiña co liberalismo moderado, partidario dun compromiso coa coroa; pero a situación de guerra evidenciou a necesidade de defender a causa isabelina. A rexente viuse obrigada a acceder ás demandas de reformas máis progresistas.

O desenvolvemento da guerra: A guerra iniciouse co levantamento de partidas carlistas no País Vasco e Navarra e ben axiña os carlistas controlaron o ámbito rural. Sen embargo, as cidades permaneceron fieis a Isabel II e ó liberalismo. Os Carlistas non deron contado inicialmente cun exército regular, pero grazas ó grande apoio popular do que gozaban no norte do país, organizaron a guerra co método de guerrillas. As vacilacións do goberno e a tardanza en enviar o exército contra os carlistas, permitíronlle ó gran dirixente carlista, o xeneral Zumalacárregui, organizar un exército de preto de 25.000 homes. A morte de Zumalacárregui en 1835, durante o sitio de Bilbao, privou ós carlistas do seu mellor estratega e marcou o comezo dunha reacción liberal. O xeneral Espartero venceu as tropas carlistas en Luchana, no ano 1836, e puxo fin ó sitio da cidade. Por fin, o xeneral Maroto, acordou no nome de “parte” do exército carlista a sinatura do Convenio de Vergara (1839) co xeneral liberal Espartero. Pero o carlismo non desapareceu….

A instauración do réxime liberal e a división dos liberais

O Estatuto Real: Mª Cristina, viúva de Fernando VII e que actuou como rexente nos primeiros anos, viuse obrigada a apoiarse nos liberais para salvar o trono: a necesidade de buscarse amplos apoios políticos levou á rexente a poñer a Martínez de la Rosa, un liberal moderado, á frente do goberno. O goberno aprobou o Estatuto Real (1834), unha carta outorgada que recoñecía algunhas liberdades cidadás pero restrinxía radicalmente a participación política –reservada ao 0.15% dos cidadáns- e establecía unhas cortes sen capacidade lexislativa.

A división do liberalismo A insuficiencia das reformas de Martínez de la Rosa, nun contexto de guerra civil contra os carlistas, levou a que os liberais terminaran por escindirse en dous grupos: moderados e progresistas.

Partido moderado: defensor do liberalismo doutrinario, representa os intereses da nova clase dominante (nobreza terratenente, alta burguesía comercial e de negocios, mandos militares de alta graduación… ) e defende o principio da “soberanía compartida” e unha radical restrición do sufraxio. É partidario de conceder amplos poderes ao rei, dun achegamento á Igrexa e de confiar a orde pública a un corpo profesional e militarizado (Garda Civil, creada en 1844). Desde 1843 gozaron sempre do apoio da raíña.

Partido progresista: integrado basicamente polas clases medias (pequena e media burguesía, parte da oficialidade do exército, profesionais liberais… ) e por sectores populares urbanos. Defendían o principio da “soberanía nacional” e eran partidarios de ampliar o corpo electoral sen chegar ao sufraxio universal. Pretendían recortar os poderes do rei e a influencia da Igrexa na sociedade. Confiaban na “Milicia Nacional” como garante da orde pública. Son os responsables da adopción das medidas que, entre 1835 e 1837, destrúen as bases do Antigo Réxime. A partir de 1843 fican marxinados do poder e só logran acceder a el no período de 1854-56.

As revoltas progresistas: Os progresistas, insatisfeitos con estas reformas, protagonizaron no verán do 1835 unha serie de revoltas urbanas, apoiándose na constitución de Xuntas e na Milicia Nacional: Mª Cristina viuse obrigada a encomendarlle o goberno ao progresista Mendizábal, que axiña emprendeu unha política de reformas máis radicais. Aínda que foi destituído pola presión da nobreza e o clero, no verán de 1836 os progresistas volveron ao poder como consecuencia do éxito do pronunciamento dos sarxentos da Granxa, e Mendizábal asumiu o Ministerio de Economía. A rexente tivo que xurar a Constitución de Cádiz e celebráronse eleccións a Cortes que gañaron os progresistas (Setembro 1836). As cortes elaboran un novo texto constitucional, a constitución de 1837 (soberanía nacional, ampla declaración de dereitos sufraxio restrinxido –entre o 2% e o 4% da poboación-, creación dunha segunda cámara ou senado de corte conservador…).(doc.2) A obra de destrución das bases do A.R. completouse con medidas como a desamortización eclesiástica –deseñada por Mendizábal-,a supresión dos señoríos e o morgado, a eliminación do décimo, a supresión das aduanas e dos gremios …

A rexencia de Espartero: O retorno dos moderados ao poder nas eleccións de Setembro de 1837 e a súa intención de desvirtuar, contando co apoio da rexente, a política reformista progresista, provocou un novo movemento insurreccional: Mª Cristina tivo que dimitir e asumiu a rexencia o xeneral Espartero (1841-43), quen gobernou con métodos autoritarios que o alonxaron dos seus partidarios. Levantamentos populares e conspiracións militares moderadas obrigaron a Espartero a abandonar o poder e as Cortes decretaron a maioría de idade de Isabel II en 1843. Poñíaselle asi fin ao período das rexencias.

1.3. O reinado persoal de Isabel II : o predominio do moderantismo

A década moderada (1843-54):

O acceso ao poder dos moderados significou un cambio de rumbo na vida política española. Apoiados pola raíña e boa parte do exército, implantaron un tipo de liberalismo conservador escasamente participativo (a participación política retrinxíase ao reducido grupo dos propietarios e rendistas), que defendía os intereses das novas clases dominantes fronte ao perigo de involución carlista e as aspiracións das clases populares. A obra do réxime moderado, que tivo como figura principal ao xeneral Narváez, centrouse en tres aspectos:

-a elaboración dun novo texto constitucional (constitución de 1845) (doc.3) de carácter máis conservador que a de 1837, aínda que recollía a súa declaración de dereitos. A soberanía era compartida, retrinxiase aínda máis o sufraxio, ampliábanse os poderes do executivo e da coroa (que nomeaba directamente ao senado), establecíase a exclusividade da relixión católica …

- o achegamento á igrexa, coa intención de gañala para o réxime. Plasmouse no Concordato coa santa sé (1851), no que se aseguraba o financiamento público do culto e o clero e se suspendía a venda dos bens eclesiásticos desamortizados, mesmo devolvendo aqueles bens que non foran vendidos.

- Unha política centralizadora: O liberalismo moderado foi o que emprendeu a tarefa de construír unha estrutura de estado liberal baixo os principios do centralismo e da uniformización. Unha serie de leis e de reformas administrativas puxeron en marcha o devandito proceso:

1º A reforma fiscal e de facenda do ano 1845 tentaba racionaliza-lo sistema impositivo e recadatorio

2º a unificación e codificación legal, aprobándose o código penal de 1851,

3º organizou e centralizou a administración, partindo da división provincial (Antonio de Burgos) de 1833, cada provincia era controlada por un Gobernador Civil con plenos poderes.

4º púxose especial atención no control do poder municipal por parte do goberno. A lei de administración local de 1845 dispuxo que os alcaldes dos concellos de + de 2.000 habitantes e das capitais de provincia serían nomeados pola coroa, e os de menos polo gobernador civil, estableceuse así unha estrutura pirámidal centralizada de control.

5º as competencias educativas, repartidas entre diversas institucións pasaban agora a mans do estado central, que regulou o sistema de instrución pública,

6º Adoptouse tamén un único sistema de pesos e medidas: o sistema métrico decimal

7º por último, seguindo o principio de uniformación, disolveuse a antiga milicia nacional, vencellada ás diferentes cidades e provincias españolas, e creouse a garda civil (1844) : unha policía militar.

O papel da raíña: Co estado liberal a monarquía absoluta deixaba paso a unha monarquía constitucional, é dicir, os poderes do monarca quedan limitados por unha constitución. Non obstante, tanto a constitución progresista de 1837 como, e sobre todo, a moderada de 1845 atribuían á Coroa importantes poderes executivos e unha ampla participación no lexislativo. Na práctica, pois, a monarquía tivo un papel político decisivo na traxectoria do estado liberal. Facendo uso e abuso da facultade ilimitada da coroa de nomear e destituír ministros, de convocar, suspender e disolver as cortes, os cambios políticos fixéronse ás costas do Parlamento, sen ter en conta as maiorías. Os gobernos eran nomeados pola Coroa e, en teoría, debían contar cao confianza das cortes. Pero na práctica para gobernar o importante era a confianza rexia. No reinado de Isabel II, a monarquía depositou a súa confianza case exclusivamente no partido moderado, excluíndo, sempre que puido, os progresistas. Nesto tivo un papel decisivo a personalidade da raíña: de escasa formación, crédula e de libido excesiva, acentuada por un matrimonio desgraciado co seu curmán Francisco de Asís (antes abdico que casar con Paquita), a raíña levou unha desordenada vida amorosa extramatrimonial de fonda repercusión na vida política. Ademais, os seus problemas de conciencia fixeron que na Corte tiveran unha especial influencia o seu confesor e sor Patrocinio das Chagas; os seus consellos foron recompensados con accións favorables aos intereses da igrexa e así, Isabel II gobernou apoiandose case sempre nos moderadosDurante estes anos o peso político das cortes foi diminuíndo e trasladouse á corte, onde se formaban “camarillas” (corte dos milagres) que aspiraban a gañar o favor real. A restrición extrema do sufraxio e o control das eleccións por parte do goberno facían imposible que a oposición accedese ao poder pola vía electoral.

A oposición ao moderantismo estivo representada sobre todo polos progresistas que non tiñan a máis mínima posibilidade de acceder ó poder a causa do sistema electoral vixente.

O Partido demócrata: xurde en 1849 como unha escisión pola esquerda do progresismo e constitúe a primeira expresión do pensamento democrático en España (defensa do sufraxio universal masculino, da ampliación das liberdades, o intervencionismo estatal en campos como o ensino ou a asistencia pública…). Entre os demócratas comezaron a aparecer as primeiras voces republicanas como Castelar e Pi i Margall e mesmo apareceron tamén os primeiros núcleos socialistas. (doc.4)

O bienio progresista (1854-56):

O favoritismo da coroa e a corrupción económica de moitos políticos fixo que crecese a oposición ao goberno, mesmo entre algúns grupos moderados. En 1854 o xeneral O´Donnell encabezou un pronunciamento militar en Vicálvaro (“Vicalvarada”), mentres progresistas e sectores moderados descontentos elaboraron o manifesto de Manzanares, no que recollían os seus obxectivos políticos. Ante a extensión do movemento, con levantamentos populares e liberais en Madrid e outras cidades, Isabel II chamou ao xeneral Espartero para formar goberno.

MANIFIESTO DE MANZANARES (7 de julio de 1854)

Españoles: La entusiasta acogida que encuentra la población el ejército liberal, el esfuerzo de los soldados que lo componen, tan heroicamente demostrado en los campos de Vicálvaro (…)

Nosotros queremos la conservación del Trono, pero sin la camarilla que le deshonra; queremos la práctica rigurosa de las leyes fundamentales, mejorándolas, sobre todo la Electoral y la de Imprenta; queremos la rebaja de los impuestos, fundada en una estricta economía; queremos que se respeten en los empleos militares y civiles la antigüedad y los merecimientos; queremos arrancar los pueblos a la centralización que los devora, dándoles la independencia local necesaria para que conserven y aumenten sus intereses propios, y como garantía de todo esto, queremos plantearnos la Milicia Nacional. Tales son nuestros intentos (…) las Cortes generales que luego se reunan, la misma nación, en fin, fijará las bases definitivas de la regeneración liberal a que aspiramos.

O novo goberno -no que se incluíu o líder da “Unión liberal” unha opción intermedia entre moderados e progresistas, O´Donnell- acometeu a tarefa de afianzar o liberalismo e ampliar as liberdades fundamentais. As cortes redactaron unha nova constitución, o proxecto constitucional de 1856, que non chegou a entrar en vigor (constitución nonnata) e que seguía as liñas mestras da de 1837.

Pero as reformas máis duradeiras emprendidas neste momento foron as de carácter económico: a continuación da obra de desamortización (desamortización xeral de Madoz), incluíndo nos novos bens desamortizados aos do estado e dos concellos, e a aprobación dunha lei xeral de ferrocarrís (1855), mediante a cal se concedían incentivos para a construción dos camiños de ferro.

Estas medidas non contemplaron a mellora das condicións de vida dos sectores populares, agravando algunha delas –como a venda dos bens dos concellos- a súa situación. A conflitividade social extendeuse por Bacelona e outras cidades, polo agro castelán… e Espartero tivo que dimitir, enconmendándolle a raíña a formación dun novo goberno a O´Donnell.

A década moderado-unionista e o fin do reinado (1856-1868):

En 1856 O’Donnell restaurou o réxime que contribuíra a derrocar mediante a anulación das reformas máis progresistas do Bienio e a restauración da Constitución de 1845. Ata 1863 logrou manter a estabilidade política interna ao tempo que iniciaban unha campaña intervencionista no exterior (Marrocos, Indochina e México). Pero, incapaz de lle facer fronte á oposición de demócratas e progresistas, tivo que dimitir e o poder retornou de novo ao Partido Moderado.

Os moderados sumiron ao país na máis pura reacción: gobernaron de forma autoritaria á marxe das Cortes e dos restantes grupos políticos, manipularon os procesos electorais, exerceron unha dura represión sobre a oposición… Os progresistas víronse obrigados a marxinarse dos procesos electorais e volveron á vía da conspiración e do pronunciamento.

No 1866, cando se comezaban a manifestar os efectos dunha crise económica e amplos sectores da sociedade española conviñan na necesidade de forzar un xiro na situación política, progresistas e demócratas asinaron un pacto na cidade belga de Ostende (Pacto de Ostende 1866 e Pacto de Bruxelas 1867), polo que establecían un programa revolucionario común que incluía o destronamento de Isabel II e ao que se sumaría, un ano despois o morrer O´Donnell, a Unión Liberal. Pouco despois faleceu Narváez. A raiña estaba soa. Estábase a xestar a fin do réxime moderado e da propia Isabel II como raíña de España. En Setembro de 1868, unionistas, progresistas e demócratas, asociados na revolución e contando co apoio de exército e das masas populares, destronan a Isabel II (doc.5).

TEXTO: El Pacto de Ostende. 1866

1 Que el objeto, y bandera de la revolución en España, es la caída de los Borbones.

2. Que siendo pera los demócratas un principio esencial de su dogma político el sufragio universal, y admitiendo los progresistas el derecho moderno constituyente del plebiscito, la base pera la inteligencia de los dos partidos fuera que por un plebiscito, si las circunstancias no se oponían a ello, o por unas Cortes Constituyentes elegidas por el sufragio universal, se decidiría la forma de gobierno que se había de establecer en España, y siendo la monarquía, la dinastía que debía reemplazar a la actual;

3. Que se reconocía como jefe y director militar del movimiento al general Prim.

Deixa un comentario

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>