Inicios do réxime liberal (1808-1874)
1.1. O impacto da Revolución francesa. A Guerra da Independencia e a Constitución de Cádiz (1808-1814)
Entre as décadas finais do XVIII e a primeira parte do XIX ten lugar en toda Europa o tránsito desde o Antigo Réxime ás novas formas sociais, económicas e políticas que caracterizan ás sociedades contemporáneas. A Revolución Francesa actua como detonante do cambio e a transición presenta caracteres peculiares en cada país.
En España é de salientar a presenza dun “catalizador externo” , a Guerra de independencia, no desencadeamento da “ Crise do Antigo Réxime”. Esta crise desenvólvese ao longo de tres etapas:
-1808-1814: A guerra marca o inicio da revolución liberal que ten a súa máxima expresión na Constitución de 1812.
-1814-1833: O reinado de Fernando VII, que propiciou o absolutismo agás o paréntese do trienio liberal (1820-1823)
-1833-1839: A disputa dinástica (guerra carlista) enfrontou ós dous bandos ata a vitoria liberal de 1839.
1.1.1. A invasión napoleónica e a crise da monarquía española (1807-1808 )
Os acontecementos que se desenvolveron en Francia a partir de 1789 explican en grande medida o que pasou en España ata 1808. O reinado de Carlos IV (1788-1808 ) estivo marcado polo temor ao contaxio revolucionario, polo despotismo e impopularidade do seu favorito Manuel Godoy e pola alianza coa Francia de Napoleón.
Despois da derrota de Trafalgar Napoleón decretou o Bloqueo Continental a todos os produtos británicos, a negativa de Portugal a aceptalo levou ao dirixente francés a planificar a súa conquista contando co apoio de España. No ano 1807, Napoleón obtivo o consentimento de Godoy, para que os seus exércitos atravesasen España para atacar Portugal, aliada de Inglaterra, a cambio dunha futura repartición de Portugal, nas clausulas secretas do tratado permitiase a entrada do exército francés
“Art. 1º. La provincia de Entre-Duero y Miño con la ciudad de Oporto se dará en toda propiedad y soberanía de S.M. el rey de Etruria con el título de Rey de la Lusitania Septentrional.
Art.2º. La provincia de Alentejo y el reino de los Algarbes, se darán en toda propiedad y soberanía al Príncipe de la Paz, para que las disfrute con el título de Príncipe de los Algarbes.
Convención secreta anexa
Art. I. Un cuerpo de tropas imperiales francesas de veinte y cinco mil hombres de infantería, y de tres mil hombres de caballería entrará en España y marchará en derechura a Lisboa: se reunirá a este cuerpo otro de ocho mil hombres de infantería y de tres mil de caballería de tropas españolas con treinta piezas de artillería.”
Tratado de Fontainebleau, 27 de Outubro de 1807
O motín de Aranxuez: A partir de 1808 as tropas francesas entran en España e xeneran un forte malestar popular, Carlos IV intenta apaciguar os ánimos, incluso o propio Godoy, que sospeita agora das intencións de Napoleón, propuxo aos reis unha retirada estrátexica a Sevilla e América. O traslado dos reis a súa residencia de Aranxuez incrementou os temores populares e foi aproveitada polos partidarios do príncipe Fernando (o chamado partido fernandino que reunía a todos os opositores a Godoy) para continuar conspirando. Así o 18 de marzo de 1808 estoupou o Motín de Aranxuez: grupos de alborotadores asaltaron o pazo real e a residencia de Godoy e pediron a destitución do válido, o motín, instigado pola nobreza palaciana fernandina e polo clero, triunfou e os amotinados conseguiron a destitución de Godoy e a abdicación de Carlos IV no seu fillo Fernando.
As abdicacións de Baiona: Temeroso da evolución dos acontecementos Carlos IV escribiu a Napoleón facéndolle saber os acontecementos e reclamándolle a súa axuda para recuperar o trono. Estes sucesos foron para Napoleón unha clara testemuña da decadencia da monarquía española e actuou en consecuencia: Carlos IV e Fernando VII foron chamados por Napoleón a Baiona en Francia, ambos acudiron con presteza e alí Fernando foi obrigado a devolver a coroa ao seu pai quen, a súa vez, cedeu os seus dereitos a Napoleón; a cambio ambos foron recompensados con cuantiosas posesión e privilexios. Despois, Napoleón nomeou ao seu irmán Xosé como rei de España. Xosé I , convocou para xuño Cortes en Baiona, co fin de outorgarlle unha constitución ó país. Con escaso apoio e unha total incomprensión, Xosé Bonaparte intentaría unha experiencia reformista que pretendía rematar co Antigo Réxime.
As diferentes forzas políticas: A invasión francesa e a creba do modelo social, político e económico do A.R. que representaba a monarquía borbónica, obrigaron á toma de postura por parte das diferentes correntes ideolóxicas fronte á presenza francesa e á nova monarquía napoleónica (doc.3):
-Unha pequena parte dos españois, ós que se lles coñece como afrancesados, e entre os que se atopaban numerosos intelectuais e altos funcionarios, aceptaron o novo monarca Xosé Bonaparte e participaron no seu goberno. Procedentes na súa maioría do despotismo ilustrado, sentíanse vencellados co programa reformista da nova monarquía, ó mesmo tempo que crían que a monarquía napoleónica era a mellor garantía para evitar excesos revolucionarios.
- O groso da poboación española formou o que se coñece como a fronte patriótica, isto é, tódolos que se opuxeron á invasión. Agora ben, neste bando atopamos posicións moi diferentes: A maior parte do clero e a nobreza, que resistía ó invasor e dirixía en moitas ocasións a resistencia, buscaba a volta á situación absolutista anterior baixo a monarquía de Fernando VII. A burguesía, os intelectuais, os sectores claramente liberais, ven na situación revolucionaria orixinada pola guerra a ocasión de influír, malia o seu escaso número, na transformación da España do Antigo Réxime nun sistema liberal-parlamentario.
1.1.2. A guerra de independencia (1808-1814)
O dous de Maio: Mentres se desenvolvían os feitos de Baiona, en España iniciouse un alzamento contra a presenza francesa. O 2 de maio, ante os rumores de que Fernando VII fora secuestrado por Napoleón e de que ían trasladar os restantes membros da familia real a Francia, o pobo de Madrid alzouse de xeito espontáneo contra a presenza francesa. Aínda que foi moi duramente reprimido polas tropas ó mando do xeneral Murat (doc.1), o seu exemplo espallouse por todo o país e a poboación levantouse de contado contra o invasor. Ante a sorpresa dos franceses, un movemento de resistencia popular freou o avance das tropas imperiais. Comezaba a Guerra de independencia. Durante os anos que durou a invasión francesa existiu un dobre goberno: Xosé I reinou nas zonas dominadas polos franceses, mentres que no resto formáronse Xuntas.
O baleiro de poder e as xuntas: En Galicia, Andalucía, Aragón, Castela, etc.., a poboación reclamou a defensa contra a invasión francesa e xurdiron Xuntas de Armamento e Defensa, que reaccionaban ante o desconcerto ou a apatía das clases privilexiadas, incapaces de organizar o país ante o baleiro de poder creado pola abdicación dos monarcas en Baiona. As xuntas foron primeiro locais, e expresaban o xeito de organización do movemento revolucionario popular Axiña se organizaron xuntas a nivel provincial (doc.2) que reclamaron a acción das autoridades e forzaron a reunión dunha xunta central que coordinase a acción contra os franceses.
A guerra: A primeira fase (maio-novembro 1808 ) estivo caracterizada polo intento de ocupación francesa e o levantamento popular español que logrou rexeitala. Entre as vitorias españolas destaca a de Bailén, onde foi derrotado o exército francés de Andalucía. Pero os restos do exército tradicional español eran incapaces de opoñerse ó avance das forzas francesas. A guerrilla e os sitios foron as formas de impedir o dominio francés sobre o territorio español. Os sitios consistían na resistencia das cidades españolas (Zaragoza, Xirona,…) ó avance francés A guerrilla foi a forma espontánea e popular de resistencia armada contra o invasor. Partidas formadas por campesiños, burgueses, cregos ou xente de calquera outra ocupación, organizábanse cun xefe de cuadrilla á fronte para loitar contra os franceses. A súa mellor arma era o coñecemento do terreo e o apoio da poboación. Non se enfrontaban a campo aberto, senón que actuaban en pequenos grupos, destruían as súas instalacións ou asaltaban os cargamentos de avituallamento.
A segunda fase (ata 1811) foi de claro dominio francés, Napoleón entrou en España á fronte dun exército de 250.000 homes que ocupou case toda a península. As tropas inglesas enviadas en nosa axuda foron perseguidas ata A Coruña e vencidas na batalla de Elviña, morrendo alí o seu xefe sir John Moore (e aquí segue soterrado no cemiterio de San Carlos). Unicamente Cádiz e Lisboa resisistiron grazas a axuda inglesa. A terceira fase (1812-14) estivo marcada polo repregue francés, xa que Napoleón necesitaba tropas para a súa campaña rusa, e pola ofensiva hispano-inglesa dirixida por Wellington, que vence ós franceses nas batallas de Arapiles e San Marcial e en 1814 os expulsa de España.
1.1.3. As Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812
O proceso de formación das Cortes: A formación das Xuntas ante a invasión e o baleiro de poder representaron unha ruptura coa orden política ata entón vixente e unha nova concepción do poder que podemos considerar revolucionaria. Fundamentando a súa lexitimidade na vontade popular as xuntas asumiron a soberanía e lle declararon a guerra a Francia. En cada poboación xurdiu unha xunta local e todas elas estiveron baixo a autoridade de xuntas provinciais. No verán do ano 1808, as xuntas locais e provinciais que dirixían a resistencia enviaron representantes para formar unha Xunta Suprema Central que coordinase as accións bélicas e dirixise o país durante a guerra. A xunta recoñeceu a Fernando VII como o rei lexítimo de España e asumiu, ata a súa volta, a autoridade deste. Ante o avance francés a xunta fuxiu a Sevilla e de alí, en 1810, a Cádiz. A xunta central amosouse incapaz de dirixir a guerra e decidiu convocar unhas Cortes nas que os representantes da nación decidisen sobre a súa organización e o seu destino. En xaneiro de 1810 disolveuse, trala convocatoria das cortes, sendo substituída por un Consello de Rexencia.
As eleccións: O proceso de elección de deputados a cortes e a súa reunión en Cádiz foron necesariamente difíciles. Nun país dominado polos franceses era imposible unha elección de representantes e en moitos casos optouse por elixir substitutos ou deputados entre as persoas de cada unha das provincias que se atopaban en Cádiz. O ambiente liberal da cidade influíu en que gran parte dos elixidos tivesen simpatías por estas ideas. As cortes abríronse en setembro de 1810 e o sector liberal conseguiu o primeiro triunfo ó forza-la formación dunha cámara única, fronte á tradicional representación estamental. Así mesmo, na súa primeira sesión aprobaron o principio de soberanía nacional, é dicir, o recoñecemento de que o poder reside no conxunto dos cidadáns e que se expresa a través das Cortes formadas por representantes da nación.
A Constitución do ano 1812 : A constitución promulgada o día 19 de marzo do ano 1812, día de San Xosé, polo que se coñece popularmente como “a Pepa”, é o texto legal das cortes que mellor define o espírito liberal (doc. 4) . Nela establecese un novo modelo político baseado na:
- Soberanía da Nación: A nación defínese como o conxunto de tódolos cidadáns de ámbolos dous hemisferios, isto é, colócanse en pé de igualdade os territorios peninsulares e mailas colonias americanas. O pobo é o dono do poder, poder que exerce por delegación nos seus representantes elixidos mediante sufraxio. O sistema electoral está fixado na propia Constitución: o sufraxio é universal masculino e indirecto.
– Declaración de dereitos do cidadán: a liberdade de imprenta, a igualdade dos españois ante a lei, a liberdade civil, o dereito de propiedade e o recoñecemento de tódolos dereitos lexítimos dos individuos que compoñen a nación española.
- División de poderes: A estrutura do estado correspóndese coa dunha monarquía limitada, baseada nunha división de poderes. O poder lexislativo reside nas Cortes unicamerais, que representan a vontade nacional e posúen amplos poderes: elaboración de leis, aprobación dos orzamentos e dos tratados internacionais, mando sobre o exército… O mandato dos deputados dura dous anos e son inviolables no exercicio das súas funcións. O monarca é a cabeza do poder executivo, polo que ten a dirección do goberno e intervén na elaboración das leis a través da iniciativa e da sanción, posuíndo veto suspensivo durante dous anos. A xustiza é competencia única dos tribunais e estableces un único código para todos.
- Catolicismo do estado: declarando a relixión católica como oficial e única autorizada.
En síntese, a constitución do ano 1812 supón un exemplo de constitución liberal, inspirada nos principios da francesa de 1791, pero máis avanzada e progresista. Foi elaborada nun país en guerra, ocupado polas tropas napoleónicas, e os lexisladores amosaron un optimismo histórico encomiable. Esperanzados no triunfo, tentaron aproveitar a situación revolucionaria que fora creada pola guerra, para elaborar un marco lexislativo moito máis avanzado do que o conxunto da sociedade española chegaría a permitir nunha situación normal. A constitución de Cádiz foi, asemade, un exemplo para a creación doutras moitas constitucións europeas e americanas nos anos posteriores. Ademais do texto constitucional, as cortes de Cádiz aprobaron a suspensión dos señoríos e dos privilexios de orixe feudal, a liberdade de traballo, a anulación dos gremios, a abolición da inquisición e o inicio da desamortización e da reforma agraria. Malia importancia da súa obra, as cortes non tiveron unha grande incidencia práctica na vida do país. A situación de guerra impediu a efectiva aplicación do que se lexislara en Cádiz e, ó final da guerra, a volta de Fernando VII frustrou a experiencia liberal e levou a situación á volta do absolutismo.
1.2. A restauración absolutista de Fernando VII (1814-1833)

Contexto xeral:
1 -O reinado de Fernando VII como crise definitiva do Antigo Réxime, cunha loita permanente entre o liberalismo que aparece primeiramente representado nas Cortes de Cádiz e o absolutismo monárquico.
2 –Diferenciación entre as tres etapas polas que atravesa o reinado: restauración absolutista a partir de 1814, Trienio Constitucional entre 1820 e 1823, década ominosa ata a morte do monarca.
3 -O pronunciamento militar como instrumento para promover cambios políticos; a este respecto é pertinente que aparezan alusións a etapas posteriores da historia de España, salientando o protagonismo político do exército.
4- Un contexto internacional favorable o absolutismo despois da derrota de Napoleón e o triunfo da Restauración absolutista en toda Europa exemplificado na Santa Alianza.
1.2.1. A Restauración absolutista (1814-1820)
A finais do ano 1813, Napoleón, xa derrotado, decidiu asinar un tratado de paz con España (Tratado de Valençay), nel recoñecía a Fernando VII como monarca lexítimo, permitía a súa volta ó país e retiraba as súas tropas do territorio español,
A volta do “Desexado”: O retorno de Fernando VII orixinou o problema de integrar o monarca no novo modelo político, definido polas Cortes de Cádiz na Constitución de 1812. Fernando VII abandonara o país coma un monarca absoluto e debía volver como un monarca constitucional. Os liberais tiñan as súas dúbidas respecto a boa vontade do rei de aceptar a situación e fixeron todo o posible para que a súa volta se realizase directamente a Madrid, onde debía xurar a Constitución e compremeteuse a respectar o novo marco político.
Os apoios absolutistas: Fronte ós liberais, os absolutistas, a nobreza e mailo clero sabían que a volta do Monarca se presentaba como a súa mellor oportunidade para volver ó Antigo Réxime. Organizáronse de contado co obxectivo de lle amosar ó Rei o seu apoio incondicional para que se restaurase o absolutismo (Manifesto dos Persas) e mobilizaron o pobo co fin de que lle amosase o seu apoio incondicional (chamábanlle “o Desexado’).
Manifesto dos Persas: “Que al Señor Don Fernando VII hacen en 12 de abril del año de 1814 los que suscriben como diputados en las actuales Cortes ordinarias de su opinión acerca de la soberana autoridad, ilegitimidad con que se ha eludido la antigua Constitución Española, mérito de esta, nulidad de la nueva, y de cuantas disposiciones dieron las llamadas Cortes generales y extraordinarias de Cádiz (….)
SEÑOR: 1.- Era costumbre en los antiguos Persas pasar cinco días en anarquía después del fallecimiento de su Rey, a fin de que la experiencia de los asesinatos, robos y otras desgracias les obligase a ser más fieles a su sucesor. Para serlo España a V. M. no necesitaba igual ensayo en los seis años de su cautividad, del número de los Españoles que se complacen al ver restituido a V. M. al trono de sus mayores, son los que firman esta reverente exposición con el carácter de representantes de España; mas como en ausencia de V. M. se ha mudado el sistema que regía al momento de verificarse aquélla, y nos hallamos al frente de la Nación en un Congreso que decreta lo contrario de lo que sentimos, y de lo que nuestras Provincias desean, creemos un deber manifestar nuestros votos y circunstancias que los hacen estériles, con la concisión que permita la complicada historia de seis años de revolución”.
Fernando VII, seguro xa da debilidade do sector liberal, traizoou as promesas que fixera e protagonizou un auténtico golpe de Estado, ó declarar mediante o Real Decreto do 4 de maio de 1814 “nulos e sen ningún valor nin efecto” a Constitución e os decretos de Cádiz, e anunciou a volta ó absolutismo. (doc. 1)
A volta do antigo réxime: De contado foron detidos ou asasinados os principais dirixentes liberais mentres outros temendo pola súa vida, fuxiron cara ó exilio. Nos meses seguintes produciuse a restauración de todas as antigas institucións, restableceuse o réxime señorial e restaurouse a Inquisición. Era unha volta en toda regra ó Antigo Réxime.
A situación internacional era, ademais, favorable. Napoleón fora derrotado. As potencias absolutistas europeas vencedoras conseguiran no Congreso de Viena restaurar a vella orde en toda Europa e a Santa Alianza garantía a defensa do absolutismo e mailo dereito de intervención en calquera país co fin de frear o avance do liberalismo.
O rei Fernando VII e o seu goberno tiveron que lle facer fronte, sen embargo, a un obxectivo imposible: refacer un país esnaquizado pola guerra, coa agricultura desfeita, co comercio paralizado, coas finanzas en bancarrota e con tódalas colonias en pé de guerra pola súa independencia, e todo isto cos vellos métodos do Antigo Réxime. Os seus gobernos fracasaron un detrás doutro.
A oposición liberal: os pronunciamentos: A oposición á nova situación non tardou moito en se manifestar. A burguesía liberal e mailas clases medias urbanas reclamaban a volta ó réxime constitucional. Unha parte do campesiñado negábase a volver pagar rendas e impostos e opuñase á restauración do réxime señorial. Por ultimo, no exército, a integración de parte dos xefes da guerrilla deu lugar á creación dun sector liberal, partidario de reformas.
Para obrigar ao rei a aceptar o sistema liberal os militares recorreron á conspiración e o pronunciamento, é dicir, ao levantamento de parte do exército que se pronuncia a favor da substitución do réxime político, se recibe apoios políticos o pronunciamento pode triunfar, pero o máis habitual era o fracaso. Os sucesivos intentos, encabezados por heroes da guerra de independencia como Lacy, Espoz y Mina ou Porlier, fracasaron, e os dirixentes foron executados. (doc.2)
( O 19 de setembro de 1815 pronúnciase na cidade da Coruña o xoven mariscal de campo Don Juan Díaz Porlier. No comezo da Guerra da Independencia foi coñecido polo alcume do “Marquesito” por terse feito pasar, para reunir voluntarios, por sobriño do marqués de La Romana.
Con 27 anos, un despois da concesión do título de mariscal pola súa actuación na Guerra da Independencia, disconforme coa vulneración da Constitución gaditana inicia conversacións con outros liberais. Traizoado polo seu propio secretario, foi detido en Madrid e condenado a 4 anos a cumprir no Castelo de San Antón, na Coruña, de onde sae en prisión atenuada para tomar baños medicinais no veciño pobo de Arteixo, Porlier decide convocar o pronunciamento en favor da constitución do 1812 na noite do 19 de setembro de 1815. Esa noite detense ao Capitán Xeneral e publícanse tres proclamas dirixidas ao exército, ao pobo e á oficialidade de Santiago. Despois, ao fronte dos batallóns sublevados diríxese a Santiago de Compostela con intención de que as autoridades e corpos militares alí acuartelados se unan ao pronunciamento, pero nun descanso no camiño é traizoado e detido e condenado a morte. É conducido ata o patíbulo montado nun asno cunha levita verde e executado na forca que se elevou no Campo da Leña o 23 de outubro de 1815, para posteriormente queimar os seus escritos e proclamas.)
Esta intervención dos militares na política a través de pronunciamentos ou golpes militares será, a partir de agora, unha constante. Se a principios do XIX os pronunciamentos foron maioritariamente liberais e progresistas, máis adiante, a medida que os militares se foron asentando como clase acomodada, os golpes serán cada vez máis conservadores ata chegar os golpes de Primo de Rivera e Franco.
1.2.2. 0 Trienio liberal (1820-1823)
O pronunciamento de Riego: O 1 de xaneiro do ano 1820, o coronel Rafael del Riego, á fronte dunha compañía de soldados acantonados en Cabezas de San Xoán (Sevilla), á espera de marchar cara á guerra nas colonias americanas, pronunciouse e percorreu Andalucía coas súas tropas proclamando a Constitución de 1812. A pasividade do exército e a actuación da oposición liberal nas principais cidades obrigaron, dous meses despois, ó Rei a aceptar converterse en monarca constitucional: “marchemos francamente, y yo el primero, por la senda de la constitución” (doc.3).
A volta do liberalismo: Fernando VII nomeou un novo goberno que proclamou unha amnistía e convocou eleccións. As Cortes formáronse cunha maioría de deputados liberais e iniciaron axiña unha importante obra lexislativa: restauraron gran parte des reformas de Cádiz, como a liberdade de industria, a abolición dos gremios e da inquisición, a supresión dos señoríos xurisdicionais e dos morgados, e elaboraron novas normas como a diminución do décimo, a venda de terras dos mosteiros, a reforma do sistema fiscal, do código penal e do funcionamento do exercito, creando a Milicia Nacional, un corpo de voluntarios liberais.
Moderados vs. Exaltados: As diferenzas entre os liberais sobre temas como a necesidade de introducir ou non modificacións na Constitución, o poder do rei, a participación política do pobo ou a soberanía da nación deron lugar á aparición de dúas correntes ou tendencias diferenciadas:os moderados e os exaltados, duramente enfrontadas polo control das institucións. Esta división liberal provocou unha gran inestabilidade política e favoreceu os intentos absolutistas de restaurar de novo o Antigo Réxime, contando co apoio de Fernando VII, que nunca acatou sinceramente a imposición da Constitución.
A oposición absolutista: A nobreza tradicional e sobre todo a Igrexa, prexudicada pole supresión do décimo e pola venda de bens monacais, animaron a revolta contra os gobernantes do Trienio. No ano 1822 alzáronse partidas absolutistas en Cataluña, Navarra, Galicia e no Maestrazgo, que chegaron a dominar amplas zonas de territorio e que estableceron unha rexencia absolutista na Seo de Urxel no ano 1823. Pola súa parte o rei paralizou todas as leis que puido, recorrendo o dereito de veto que lle outorgara a Constitución, conspirou dun xeito secreto contra o goberno e buscou a alianza coas potencias europeas absolutistas para que estas invadisen o país e restaurasen o absolutismo.
1.2.3. A década ominosa (1823-1833)
Os Cen Mil fillos de San Luís: A finais de 1822,o medo á extensión da revolución por Europa, levou ás potencias absolutistas reunidas en Verona a decidir a súa intervención en España para restaurar o goberno absolutista de Fernando VII. En 1823, un exército francés, popularmente coñecido como os Cen Mil fillos de San Luís, dirixido polo Duque de Angulema, invadiu España acompañado por partidas de Voluntarios realistas españois. Agás nalgunhas zonas (entre elas Cádiz e A Coruña), case non atoparon resistencia. O descontento e indiferenza do pobo, a pasividade dos moderados e a ineficacia dos exaltados permitiron que as tropas francesas eliminaran o goberno e as autoridades liberais. Unha vez recuperado o poder absoluto, Fernando VII decretou a abolición de todas as leis e institucións creadas durante o Trienio liberal. (doc. 4)
A represión absolutista:
A nova restauración absolutista implicou unha dura represión política contra os liberais. Moitos dos seus líderes e simpatizantes foron executados, ben por seren capturados polos realistas (como Riego humillado e executado cruelmente en Madrid), ben por participar nalgúns dos intentos ou conspiracións para restablecer o réxime constitucional (como Mariana Pineda, executada en 1831 por posuír unha bandeira co lema Lei, Liberdade, Igualdade). Moitos tiveron que marchar ao exilio cara a Xibraltar, Inglaterra ou Francia, desde onde seguiron conspirando e poñendo en práctica proxectos cos que lograr o restablecemento das liberdades en España. A administración e o exército foron sometidos a unha forte depuración realizada por tribunais especiais. A sociedade estivo sometida ao control da policía e dos corpos de Voluntarios Realistas formados polos defensores do absolutismo, da relixión e da tradición.
O conflito dinástico: Aínda así, os máis fanáticos dos ultrarrealistas ou realistas puros acusaron de pusilánime a Fernando VII e fóronse agrupando arredor de seu irmán Carlos quen, ante a falta de descendencia do monarca, era considerado o futuro herdeiro do trono.
En 1829, Fernando VII casou con María Cristina de Borbón e do seu matrimonio naceron dúas fillas: Isabel e Luísa Fernanda, pero a Lei Sálica, introducida por Felipe V en 1700, impedía a sucesión no trono ás mulleres. En 1830, Fernando Vll ordenou publicar a Pragmática Sanción de derrogación da Lei Sálica e proclamou a súa filla Isabel herdeira da súa Coroa.
Esta decisión orixinou un grave problema dinástico, pois Carlos, o irmán do rei, e os realistas puros opuxéronse a esta medida. En 1833, morreu Fernando VII e Carlos reclamou a Coroa de Espana, ao mesmo tempo que a raíña María Cristina facía o mesmo para a súa filla Isabel. O choque de intereses propiciou o estoupido da guerra carlista e a oportunidade de que os liberais recuperasen o poder.
|
|


Luis Miguel Acosta dixo
Saludos y enhorabuena por este blog de Historia… Desde otro blog de Historia…
Presentación « Historias dixo
[...] Inicios do réxime liberal (1808-1874) [...]