O Franquismo
Tema 9: O RÉXIME DE FRANCO (1939-1975)
O réxime franquista xurdíu da Guerra Civil como aglutinante dos vencedores no conflicto. Aínda constituíndo un réxime de tipo ditatorial todo ao longo da súa existencia, a súa extensa duración (case corenta anos, o periodo máis longo da historia de España no S. XX) e a súa capacidade para adaptarse ás mudables circunstancias internacionais, fixeron que experimentara importantes cambios co paso dos anos. Con todo, pódense sinalar como trazos permantentes do réxime os seguintes:
- A concentración de poderes na persoa de Franco.
- A existencia dun Estado forte e centralizado, negador da pluralidade interna de España.
- A negación das liberdades individuais e do pluralismo político e sindical. Estableceu un réxime de partido e sindicato únicos, ao tempo que perseguía calquer asomo de oposición ao mesmo.
- O forte peso que manteñen en toda a súa historia dúas institucións: o Exército e a Igrexa católica. (neste vínculo podes atopar os principais textos sobre o franquismo)
9.1.OS FUNDAMENTOS DO RÉXIME – Bases e apoios, illamento e autarquía-: 1939-1959
-1- BASES SOCIAIS, FUNDAMENTOS IDEOLÓXICOS E ESTRUCTURA DO NOVO ESTADO:
O réxime contou cunha base social inicial identificada cos apoios que os militares sublevados recibiran en 1936. Entre eles estaban todos aqueles grupos que sofreran unha erosión da súa posición de hexemonía social, motivada polas reformas republicanas ou polos procesos revolucionarios que tiveran lugar nalgúns lugares durante a guerra: as clases dominantes tradicionais (grandes terratenentes, alta burguesía industrial e financieira… ) e institucións como a Igrexa e a maior parte dos mandos do Exército.
A eles sumáronse amplos sectores do pequeno e medio campesiñado, de mentalidade tradicional e cun fondo temor aos experimentos colectivizadores promovidos por certos sectores do movemento obreiro, e das clases medias urbanas progresivamente encadradas no réxime a través da Igrexa, a Falanxe ou o Exército.
Os fundamentos ideolóxicos do réxime estaban en correspondencia cos apoios políticos que recibira o levantamento militar: desde a dereita conservadora ao fascismo falanxista, pasando polo tradicionalismo carlista. Inicialmente, os militares sublevados contra a república estaban unidos unicamente contra o que eles consideraban os graves males que trouxera a república: democracia, liberalismo, laicismo, separatismo…. Foi durante a Guerra Civil cando se perfilaron os trazos do novo réxime, en gran medida obra persoal de Franco. A súa formación militar foi determinante á hora de organizar o país como se dun cuartel se tratara: mando único e indiscutible, orde e obediencia a autoridade, imposición dos valores castrenses e católicos, unidade de patria, férreo comtrol dos opositores e mamtemento do tradicionalismo en costumes e símbolos.
Así, pódense sinalar como compoñentes da peculiar ideoloxía que impregnou o réxime ao conservadurismo social (encarnado pola dereita tradicional), o confesionalismo relixioso (profesado pola Igrexa e a maioría da opinión pública católica), o fascismo (Falanxe) e un nacionalismo español negador dos sinais identitarios periféricos.
Nos primeiros anos o fascismo exerceu unha influencia poderosa, a cal se iría debilitando co paso do tempo mentres se consolidaba como ideoloxía aglutinante o que se deu en chamar nacional-catolicismo. Este era un pensamento fortemente nacionalista que identificaba a esencia de España co catolicismo e rexeitaba toda heterodoxia política ou relixiosa, ao tempo que defendía unha concepción corporativa do Estado e da sociedade. España debía recuperar o seu esplendor pasado -localizado no tempo dos Reis Católicos e o imperio dos primeiros Austrias- erradicando dexeneracións estranxeirizantes como o liberalismo, a masonería e o marxismo, que debilitaban o auténtico “ser español” e acadaran a súa maior difusión nos tempos da República.
En canto á estructura do novo Estado, o franquismo procedeu a un rápido desmantelamento das institucións republicanas (Constitución de 1931, autonomías rexionais, pluralismo político e sindical… ). Pola contra, a plasmación legal do réxime foi lenta. Franco era moi remiso a fixar en exceso e en detalle as atribucións do poder e opúxose frontalmente a unha constitución que recordase o período liberal. Cando se decidiu a institucionalizar o seu goberno persoal, foi en resposta a acontecementos externos e a presións de quenes querían asegurarse a continuidade do franquismo en España. Iso obrigou a promulgar un conxunto de leis complexas, e ás veces contraditorias, que aparecían segundo as necesidades políticas do réxime. Así, o ordenamento xurídico do franquismo estivo articulado arredor dunhas leis básicas na organización do estado: as Leis Fundamentais carentes de lexitimación democrática. Son un total de sete leis elaboradas durante case trinta anos:
- O Foro do Traballo.: Na primavera de 1938, Franco decretou o Foro do Traballo, que articulaba as relacións do mundo do traballo e establecía os fundamentos sobre os que se organizaría a economía do novo Estado. No texto, inspirado no modelo fascista italiano, un apéndice do Estado, o sindicato único obrigatorio, entregado á Falanxe, encargábase do encadramento laboral, nos sindicatos verticais, únicos que se permitían. Completarias coa lei de unidade sindical.
- A Lei Constitutiva das Cortes: A lei constitutiva das Cortes foi promulgada en 1942, aconsellada pola evolución do conflito europeo, que xa empezaba a decantarse a favor das democracias occidentais. Con esta lei, o réxime convocaba a “a participación do pobo nas tarefas do Estado” mediante a institución dunha Cámara “representativa” composta por máis de cincocentos procuradores en Cortes, a maioría dos cales o eran de oficio e cincuenta designados directamente por Franco. Os procuradores de oficio procedían de cargos institucionais ou en cuxo nomeamento interviña o Estado, como xerarquías do Sindicato ou da Falanxe, bispos, reitores de Universidade ou membros do goberno. A elección nunca foi directa, salvo a partir de 1968, cando se permitiu elixir un terzo de procuradores de representación familiar. Nada na lei facía pensar nun réxime parlamentario, cando, ademais, as Cortes carecían de iniciativa e só podían aprobar a lexislación presentada polo executivo.
- O Foro dos Españois: Terminada a Segunda Guerra Mundial, Franco publicou en 1945 o Foro dos Españois, como outra operación de maquillaxe do réxime ante as esixencias democráticas dos vencedores. Só en aparencia era unha declaración de dereitos, pois o texto insistía, sobre todo, nos deberes dos españois e na estrutura autoritaria do Estado. A propaganda gobernamental sobre o Foro intentou facela pasar por unha verdadeira constitución que recoñecía as liberdades políticas. Pero, en realidade, o texto propuña un sistema político autoritario de carácter confesional con dereitos limitados e só aproveitables por quen non se opuñan ao réxime.
- A Lei de Referendo: En 1945, o Foro dos Españois foi completado pola Lei do Referendo, que pretendía mostrar que en España estaba recoñecido o sufraxio universal. A “democracia” orgánica e corporativa que establecía o Foro non podía ser equiparada en ningún caso coas constitucións liberais e burguesas occidentais, pero había que disimular o grave baleiro do dereito ao voto individual. Así, a Lei do Referendo establecía que os españois podían ser consultados individualmente en forma de plebiscito nacional, sempre por decisión de Franco e para someterlles cuestións de Estado.
- A lei de Sucesión: Tras dez anos de vida do réxime, os seus ideólogos pensaron que chegara o momento de establecer un sistema de sucesión á xefatura do Estado. Na súa opinión, o franquismo debía ser considerado un réxime de excepción irrepetible, sobre todo polas condicións persoais do líder, pero non extinguible, senón reproducible no tempo grazas ao mantemento das leis fundamentais. Agora, en 1947, abordaríase o problema da continuación do franquismo sen Franco. Con este obxectivo, a Lei de Sucesión na Xefatura do Estado foi sometida a referendo e aprobada nun das “fraudes electorais” da historia do réxime por máis do 93 por 100 dos votantes, con só unha abstención do 18 por 100. A Lei establecía que España era un Estado católico, social e representativo, que se declaraba Reino de acordo coa súa tradición monárquica. A Franco confirmábaselle como xefe vitalicio do Estado e reservábaselle o dereito de nomear sucesor a título de rei.
- Lei de Principios do Movemento Nacional: En 1958, sen deliberación previa nas Cortes, Franco promulgou a Lei de Principios do Movemento Nacional, que establece os principios inmutables e permanentes do réxime. A lei supuña a incorporación institucional da doutrina falanxista e o recoñecemento de Falanxe Española Tradicionalista (FET) como único partido, pero apenas tivo incidencia na vida política do Estado nin serviu para frear algunhas orientacións novas do goberno aparecidas en 1957. O texto tivo o efecto práctico de que todos os altos cargos civís ou militares pasasen a ser considerados membros natos do Movemento e que os funcionarios públicos quedasen obrigados a xurar os seus principios fundamentais.
- A Lei Orgánica do Estado: Logo doutro período longo sen leis fundamentais, a mediados dos anos sesenta, o réxime tratará de responder ao desenvolvemento material do país cun simulacro de actualización do seu armazón lexislativo. Unha nova lei buscará esa limpeza de imaxe ante a realidade dunha Europa próspera que envía os seus turistas a un país necesitado de modernizar as súas estruturas políticas. Publicada e sometida a referendo en decembro de 1966, a Lei Orgánica do Estado pretendía ser unha refundación lexislativa do franquismo mediante a unión de elementos dispersos de textos fundamentais anteriores e a depuración dalgunhas das súas connotacións totalitarias. Esta lei introduciu algunhas novidades funcionais, como a separación dos cargos de xefe do Estado e presidente do goberno, aínda que este non se cubrirá ata 1973.
Os piares do novo Estado serían:

- O propio ditador e a acumulación de poderes na súa persoa: Xefe do Estado, do Goberno -ata 1973-, do Movemento, dos Exércitos e dotado de poderes excepcionais para promulgar leis en casos de urxencia. Recibiu o título de Caudillo de España e foi considerado o símbolo e a encarnación da vontade da nación española.
- A Falanxe ou Movemento Nacional, nacida como partido único en 1937 (pola fusión obrigado dos falanxistas e os tradicionalistas). De ideoloxía fascista, sería dominada e adulterada por Franco ata que foi perdendo os seus ideais orixinarios e se converteu nun aparato burocratizado fiel ao Caudillo, mantendo un forte control sobre a Organización Sindical e algunhas organizacións de encadramento de masas (Fronte de Xuventudes, Sección Feminina, Sindicato Español de Estudiantes… ).
- As Cortes, órgano de representación corporativa concebido como suposta canle de participación dos españois nas tarefas do Estado.
- A Organización Sindical ou conxunto de sindicatos “verticais” integrados por empresarios, técnicos e traballadores agrupados por sectores de producción. Á súa fronte estaba un “Delegado Nacional”.
- O Exército, verdadeira columna vertebral do Estado e garante da súa permanencia. Encabezado por Franco como “Xeneralísimo dos Exércitos”. Mandos militares ocuparían postos de responsabilidade no goberno, na administración e nas empresas públicas. O exército era garante da unidade de España, considerada como “unha unidade de destino no universal”.
- Centralismo: en correspondencia coa unidade nacional, todo o sistema baseábase no principio da unidade de poder e no centralismo. Todas as institucións autonomicas foron suprimidas e calquera manifestación do particularismo foi perseguida. A administración local quedou sometida ao goberno central, quen nomeaba directamente todos os alcaldes das cidades maiores de 10.000 habitantes; o resto nomeábos o Gobernador Civil. O único idioma permitido era o castelán.
- A estas institucións había que sumar a Igrexa, cun papel clave na lexitimación do réxime e no sistema de ensino. O franquismo prohibíu a práctica doutras relixións distintas á católica, eliminando o matrimonio civil e o divorcio. A Igrexa contaba con organizacións propias de encadramento de laicos (como a Asociación Católica Nacional de Propagandistas ou Acción Católica) e un grupo xurdido no seu seo, o Opus Dei, xogou un papel determinante na evolución do réxime a partir de finais dos anos cincuenta. A igrexa obtivo o control sobre a moral, os costumes e a educación, impuxo na vida pública unha estrita moral católica, velando polos bos costumes. (censura, normas sobre a vestimenta…
- A familia: que foi considerada polo franquismo a base fundamental da sociedade. Protexida polo estado e de acordo coa moral tradicional católica, a familia baseábase no matrimonio canónico indisoluble e na procreación dos fillos. Nela, cada un dos seus membros ten unha finalidade e deber específico: o home, traer os recursos; a muller, os labores da casa e os fillos. Na divulgación destes valores tivo un papel fundamental a Sección Feminina, creada e presidida por Pilar Primo de Rivera, que potenciou un modelo feminino caracterizado pola pasividade política e a nula participación pública e que contribuíu ao deseño e control dunha educación feminina destinada a formar amas de casa nas escolas.
-2- EVOLUCIÓN DA COXUNTURA INTERNACIONAL E TRANSFORMACIÓNS INTERNAS DO RÉXIME
Nos seus primeiros vinte anos de existencia, o réxime de Franco mostrou xa unha notable capacidade de se adaptar aos cambios da coxuntura internacional, se ben mantendo intactos os seus caracteres esenciais.
a) Antes de 1945: Influencia falanxista e pre-belixerancia
Os sectores falanxistas exerceron unha grande influencia e ocuparon os postos principais do goberno, en consonancia co apoio recibido de Alemaña e Italia durante a guerra civil. O réxime adoptou signos externos fascistas como o saúdo co brazo en alto, concentracións masivas de estética nazi ou musoliniana…
A pesar das súas simpatías polo Eixe, ao desencadearse a II Guerra Mundial o réxime adoptou unha postura de neutralidade, aínda que pronto comezou a valorar a posibilidade de entrar no conflicto a cambio de axuda económica e concesións territoriais no norte de África. Franco entrevistouse con Hitler (Hendaya, 1940) e Mussolini (Bordighera, 1941) e España cambiou a súa posición pola de “non belixerancia” en 1941, cando xa viña colaborando desde tempo atrás con Alemaña en materia de espionaxe e aprovisionamento de submarinos. Esta posición, en realidade unha “pre-belixerancia”, foi abandonada dous anos despois (1943) cando a evolución da guerra comezou a tornarse desfavorable para as potencias fascistas, reducíndose a participación española na guerra ao envío da “División Azul“ ao frente ruso.
b) Despois de 1945: Influencia católica e illamento
A derrota dos fascismos na guerra provocou o illamento internacional do franquismo, ao consideralo as potencias vencedoras equiparable aos réximes que acababan de ser derrotados. Non se permitíu o ingreso de España na ONU e, en 1946, este organismo decretou a retirada de embaixadores de Madrid (só permanecerían os de Portugal, Arxentina e o Vaticano). Estas medidas foron olladas con grande esperanza pola oposición ao franquismo, que vía próxima a fin do réxime.
Pero o inicio da “Guerra Fría” (1947), ou estado de permanente tensión entre o bloque capitalista liderado polos EE.UU. e o comunista dirixido pola URSS, mudou radicalmente a situación. España comezou a ser vista polos EE.UU. e outros países aliados como un potencial aliado na loita contra o comunismo.
Este novo contexto internacional suporía o paulatino final do aillamento do réxime en 4 pasos:
- En 1950 a ONU anulou a retirada de embaixadores e admitíu o ingreso de España en organismos especializados como o FAO ou a UNESCO.
- Tres anos despois, España asinaba o “Concordato coa Santa Sé” e o “Acordo Hispano-Americano” que, a cambio de axuda económica, permitíalle aos EE.UU. a utilización dalgunhas bases militares situadas en territorio español ( Rota, Torrejón e Zaragoza)
- en 1955 producíuse o ingreso de España na ONU gracias ao apoio dos EE.UU.
- en 1959 a visita do presidente Eisenhower simboliza o final do illamento.
No plano interno, os sectores falanxistas foron perdendo peso en beneficio dos “católicos” (remodelacións gobernativas de 1945 e 1951). Selouse a alianza da Igrexa co réxime e aprobáronse leis que o liberalizaban parcialmente, achegándoo formalmente a algúns aspectos dos sistemas liberais. Así, recoñecéronse certos dereitos persoais, aínda que sen articular un sistema de garantías para exercelos -o goberno podía suspendelos temporalmente decretando o “estado de excepción”: Foro dos Españois, 1945-. España foi definida como un “Estado católico, social e representativo”, articulándose como un “reino” -monarquía sen rei- e facultando a Franco para propoñer ás Cortes un sucesor a título de rei ou de rexente (Lei de Sucesión, 1947). Con esta medida rompíase coa liña hereditaria borbónica, o que motivou as protestas de Don Juan, o herdeiro lexítimo da Coroa. Non obstante, D. Juan entrevistouse con Franco e aceptou a educación en España do seu fillo, Juan Carlos, baixo a supervisión do dictador.
Na segunda metade dos anos 50, nun contexto novo marcado pola aparición dos primeiros síntomas abertos de descontento entre a poboación -conflictos laborais, protestas na Universidade-, accederon ao goberno homes procedentes da institución católica do Opus Dei (1957). Estes homes, os “tecnócratas”, imprimiríanlle un importante cambio de rumbo ao réxime nos anos sucesivos.
-3- AUTARQUÍA E ESTANCAMENTO ECONÓMICO
A Guerra Civil e a posguerra supuxeron unha interrupción do proceso de modernización económica que estaba a vivir a sociedade española. O retroceso, reflectido nos indicadores económicos, foi tal que ata os anos 50 non se recuperaron os niveis de actividade de mediados dos anos 30. Foron os anos da fame.

Este estancamento debeuse só parcialmente ás destruccións ocasionadas pola guerra -as provocadas en Europa pola II Guerra Mundial foron maiores e, non obstante, a recuperación foi moito máis rápida-. Maior importancia tivo o tipo de política económica seguida polas autoridades franquistas na inmediata posguerra, a cal se definía por dous trazos: a búsqueda da autarquía, coa que se pretendía converter a España nun país economicamente autosuficiente, e o intervencionismo estatal, que viña substituír parcialmente ao funcionamento do mercado. Elementos clave desta política foron:
- Un férreo control do comercio exterior, que esixía licencias administrativas para a exportación ou importación de calquer producto e provocou unha drástica reducción dos intercambios.
- O fomento da producción industrial e a primacía outorgada ás industrias de bens de equipo. O Estado concedía fondos públicos ás novas empresas, así como privilexios e estímulos ás consideradas de maior interese.
- A imposición aos agricultores de “cupos forzosos” e superficies obrigatorias de cultivo. Mediante os “cupos” deberían entregar unha parte das colleitas a prezos fixados oficialmente, sendo logo distribuída entre a poboación polas autoridades a prezos e cantidades tamén fixas (“racionamento”).
- A creación de empresas públicas. Salienta a nacionalización das empresas ferroviarias (RENFE) e da TELEFÓNICA e a creación do Instituto Nacional de Industria (INI, 1941). O INI constituía unha especie de “holding” estatal destinado á promoción de sectores estratéxicos que requerían grandes investimentos (construcción naval, siderurxia, enerxía, material de transporte… ).
Esta política económica conducíu a resultados desastrosos, o que lle impedíu a España aproveitar a coxuntura económica favorable que vivíu Europa despois da Guerra mundial. Entre os seus efectos pódense citar o desabastecemento de productos básicos -que deu lugar aos fenómenos do “estraperlo” e o “mercado negro”-, a reducción do consumo privado, a perda de competividade exterior, a falta de divisas ou un empeoramento das condicións de vida das clases populares ao subir máis os prezos que os salarios.
Foi a conciencia deste fracaso o que levou ás autoridades franquistas a cuestionarse, nos anos 50, a política económica seguida ata o momento. Fóronse introducindo cambios paulatinos -como a suavización dos controles productivos, a supresión das cartillas de racionamento, a flexibilización dos prezos, unha maior apertura económica ao exterior… – que lograron mellorar os índices productivos. Pero estes cambios careceron de coordenación e os seus efectos foron limitados ata a posta en marcha do Plan de Estabilización de 1959, o cal sentou as bases da chamada “década desarrollista” dos anos 60.
9.2. A “DICTADURA DESARROLLISTA” (1959-1975)
Ao longo dos anos 60 e os primeiros 70 España vivíu unha etapa de extraordinario crecemento económico, logrando convertirse nun país industrial semellante aos do entorno europeo.
-1- O “PLAN DE ESTABILIZACIÓN” E O DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO
A partir de 1960 reanudouse en España o proceso de modernización económico e social iniciado a comezos do S.XX e interrumpido pola Guerra Civil e a posguerra. O extraordinario crecemento económico acadado nos anos seguintes explícase por dous factores: a coxuntura expansiva da economía internacional e europea e a habilidade dos responsables da política económica para arbitrar medidas que lle permitiran ao país aproveitar esa coxuntura.
A adopción do Plan de Estabilización (1959) foi obra do goberno formado dous anos antes, no que tiñan un forte peso os tecnócratas vinculados ao “Opus Dei“. O proxecto deste sector consistía en modernizar económica e socialmente España sen alterar no esencial a estructura política do réxime. Co Plan poñíaselle fin ao soño autárquico e respondíase á necesidade de conseguir ouro e divisas para facerlle fronte ao déficit da balanza comercial. Os obxectivos perseguidos eran dous:
- desmontar o modelo corporativo e abrir a economía española ao mercado, impulsando a iniciativa privada en detrimento do anterior intervencionismo estatal excesivo, e
- cortar a inflación e sanear as contas exteriores a través de medidas contractivas da actividade económica (restricción do gasto público, limitación dos prezos dalgúns servicios e das taxas de interese, establecemento dun cambio fixo dólar/peseta, apertura ao exterior… )
Este programa liberalizador, compensado coa chegada de créditos de organizacións internacionais como o FMI e a OCDE, completouse coa posta en marcha de Planos de Desenvolvemento cuatrienais (1964-74) que pretendían estimular a iniciativa privada -con vantaxes fiscais e crediticias- naqueles sectores considerados de maior interese, e creaban unha serie de “Polos de Desenvolvemento” cos que se intentaría, con escaso éxito, reducir os desequilibrios económicos rexionais.
Un papel fundamental no éxito desta nova política económica xogárono unha serie de variables externas, as cales posibilitaron a entrada de divisas en España para equilibrar a balanza de pagamentos e importar a tecnoloxía precisa para as novas actividades. O aporte de divisas procedeu da emigración (máis de 2 millóns de traballadores saíron de España entre 1960-1975, absorvendo a man de obra excedentaria do sector primario), o turismo e os investimentos exteriores (sobre todo dos EE.UU. e a RFA).
Os resultados foron espectaculares. España presentou, entre 1959 e 1966, unha taxa de cremento anual do PIB superior á de calquer país europeo e incorporouse ao grupo dos países industrializados (entre 1960 e 1975 a porcentaxe de poboación activa ocupada no sector primario descendeu do 42% ao 21%, acadando o sector secundario e o terciario o 38% e o 41%, respectivamente). A Renda Nacional e a Renda per Cápita aproximáronse aos valores europeos, o que se traducíu nun incremento notable do consumo privado e do nivel de vida da poboación.
Igualmente importantes foron as transformacións sociais. O proceso urbanizador experimentou un grande salto (en 1975 o 75% da poboación vivían en municipios de máis de 20.000 habitantes) e medrou o número, especialmente nalgunhas zonas, dos obreiros industriais e das novas clases medias (profesionais liberais, executivos das empresas, funcionarios de certo nivel… ). Foise consolidando a sociedade de consumo, ao destinar as familia unha porción cada vez máis alta do seu presuposto a cubrir necesidades non básicas (adquisición dunha vivenda, bens de consumo duradeiros como automóbiles ou electrodomésticos… ) e modificáronse as pautas de comportamento, occidentalizándose e alonxándose cada vez máis dos presupostos represivos do nacional-catolicismo (viaxes ao estranxeiro, contacto cos novos hábitos dos turistas… ). A elo tamén contribuíu a extensión da educación, en todos os seus niveis, a un número cada vez maior de estudiantes -os fillos dos traballadores comezaron a chegar á Universidade- e a reducción drástica do analfabetismo.
Con todo a sociedade española destes anos non deixou de presentar aspectos problemáticos: As desigualdades sociais acentuáronse e foron frecuentes fenómenos de especulación e degradación do medio urbano e rural, debido á ausencia de control democrático sobre moitas tomas de decisións que respondían aos intereses particulares de individuos e grupos de presión próximos ao poder. Igualmente, agudizáronse os desequilibrios rexionais e as diferencias entre as áreas máis desenvolvidas e as máis deprimidas: estas últimas (Galicia, as dúas Castelas, Andalucía, Estremadura… ) perderon uns 4 millóns de habitantes en beneficio de zonas como Cataluña, o País Vasco ou Madrid.
-2- INSTITUCIONALIZACIÓN DO RÉXIME E PERVIVENCIA DA DICTADURA
Os cambios socio-económicos dos anos 60 apenas tiveron traducción no plano político. Desde finais da década anterior, os “tecnócratas” foron gañando posicións no goberno e nas estructuras políticas franquistas, apoiados polo que estaba chamado a ser garante da continuidade do franquismo, o almirante Luis Carrero Blanco.
O réxime intentou concluír o seu labor de institucionalización. Neste sentido, salienta a aprobación da súa última “lei fundamental”, a Lei Orgánica do Estado (1967), concebida como unha culminación e recapitulación de todas as anteriores. Pretendendo garantir a continuidade do réxime, a lei -que, ao igual que as que a precederon, non foi fruto da deliberación de ningunha Asemblea soberana- asentou a institución monárquica e introducíu pequenas modificacións no sistema, como a ampliación do número dos procuradores en Cortes -creando a figura dos “representantes da familia”, elixidos polos cabezas de familia e as mulleres casadas- e abríu a posibilidade de crear “asociacións políticas” dentro do marco fixado polos principios do Movemento Nacional.
Franco intentou solucionar tamén dun modo definitivo a cuestión sucesoria, de acordo co previsto na “Lei de Sucesión” de 1947, que definía a España como un reino e establecía que o sucesor do Caudillo o sería a “título de rei ou de rexente”. En 1969 o dictador nomeou sucesor ao príncipe Xoán Carlos, quen prestou xuramento de fidelidade aos principios do Movemento Nacional e foi ratificado polas Cortes. Con este nomeamento rompíase co principio da “lexitimidade dinástica” e pretendíase instaurar unha monarquía de novo cuño, nacida das entrañas mesmas do réxime franquista.
Nun contexto marcado polo xurdimento e expansión dunha nova oposición de masas ao franquismo, houbo algúns tímidos intentos de liberalizar o réxime, promovidos polos que xa se comezaban a denominar “sectores aperturistas“. Entre eles estaba a aprobación dunha Lei de Prensa (1966) elaborada polo ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne. A lei suprimía a censura previa e concedía certo marxe de tolerancia no campo da libre expresión, pero seguía a contemplar como delito todo o que atentara contra o Xefe do Estado, os principios do Movemento, a seguridade nacional ou a salvagarda da orde pública. A finais dos anos 60 producíronse outros intentos, ao final fallidos, de liberalización ou apertura, como o de modificar a estructura sindical ou o de facer efectiva a posta en marcha das “asociacións” previstas na “Lei Orgánica” de 1967.
-3- A CRISE FINAL DO RÉXIME (1973-1975)
Os últimos anos do franquismo foron os máis axitados. Os tímidos cambios introducidos non poideron ocultar a incapacidade do réxime para se adaptar ás profundas transformacións socio-económicos e culturais que experimentara España desde os comezos dos anos 60. Pola súa parte, a oposición política incrementara os seus apoios en base ás novas realidades sociais emerxentes: a expansión dunha clase obreira que reclamaba liberdade sindical e dereito á folga, a chegada á Universidade de xoves procedentes das capas populares, a insatisfacción en medios intelectuais ante os pechados horizontes culturais do réxime… Estaba claro que o franquismo se ía atopar con serias dificultades para sobrevivir a Franco.
O ano 1973 resultou especialmente grave para Franco e o seu réxime: a crise do pétroleo e a morte de Carrero. No 1973 Franco renunciou a exercer a Xefatura do Goberno, función que asumíu Carrero Blanco formando un executivo de unidade, con representación de todas as “familias” do réxime. Pretendíase que Carrero garantise a pervivencia do franquismo baixo a inminente monarquía de Xoan Carlos, pero a a súa morte nun atentado de ETA, en Decembro dese mesmo ano, frustrou tal perspectiva.
Asumíu a presidencia do goberno Arias Navarro, quen en Febreiro de 1974 pronunciou un discurso de ton aperturista nas Cortes (o “espírito do 12 de Febreiro“). Nel prometía unha liberalización -incluíndo a posta en marcha das “asociacións políticas”- que axiña habería de mostrar as súas limitacións e a incapacidade do sistema para se democratizar mantendo o esencial das súas estructuras.
O novo goberno atopouse cunha contestación desde todas as bandas: ministros aperturistas dimitiron ante a imposibilidade de aplicar en profundidade unha política reformista; as protestas da oposición incrementaron a súa intensidade; os sectores inmovilistas do réxime (o “búnker“) tamén se opuxeron ao que consideraban unha traición aos principios do réxime, promovendo accións violentas contra persoas e institucións sospeitosas de anti-franquismo…
As cousas agraváronse ao longo de 1974 e 1975 co empeoramento do estado de saúde do dictador, que obrigou a que o príncipe Xoán Carlos asumise temporalmente a Xefatura do Estado. Pola súa parte, a oposición acentuou a súa ofensiva e creáronse plataformas unitarias que agrupaban aos distintos sectores que a conformaban (como a Xunta Democrática, aglutinada ao redor do PCE, e a Plataforma Democrática, ao redor do PSOE) e propoñían a ruptura democrática co réxime. O Goberno respondeu coa aprobación dunha “Lei Anti-terrorista”, que tivo como consecuencia inmediata a execución de cinco antivistas de ETA e o FRAP en Setembro de 1975, desatando toda unha vaga de protestas e mobilizacións internacionais. Por último, outro motivo de preocupación constituíuno o conflicto do Sahara, no que España cedeu ás presións de Marrocos (Marcha Verde) -apoiado polos EE.UU.- e entregou o territorio a Marrocos e Mauritania para o seu reparto, incumprindo coa súa promesa de permitir un referendo de autodeterminación no territorio.
A fin do réxime estaba perto. Só faltaba a morte de Franco, afectado pola enfermidade de P´rkinson desde 1965, sufrira unha grave tromboflebite en xullo de 1974; desde o hospital, Franco encarga a Xoán Carlos que asuma a xefatura do estado, pero 11 dias despois Franco retoma as súas funcións
A revolución dos caraveis en Portugal (abril 1974) e a caída do réxime dos coroneis en Grecia (xullo 1974) deixaba a Franco como o último dictador de Europa occidental. O 17 de outubro de 1975, despois de sufrir un infarto, ainda presidiu un Consello de ministros; pero nas semanas seguintes presentáronse todo tipo de complicacións que lle ocasionaron unha longa e terrible agonía morrendo o 20 de novembro de 1975, xustamente 39 anos despois de Xosé Antonio Primo de Rivera, foi enterrado xunto a él no Valle dos Caídos. A súa morte abriu un proceso que en poucos anos ía conducir ao desmantelamento completo da dictadura a pesar de que él pensou que deixaba todo “atado y bien atado”.
9.3. A OPOSICIÓN Á DITADURA
Desenvolveuse clandestinamente todo ao longo do periodo franquista, integrada por un amplo espectro de correntes: o movemento obreiro, nacionalistas periféricos e sectores democráticos de diversa orientación (republicanos, demócrata-cristiáns, monárquicos… ). De todas elas, a máis activa foi sempre o Partido Comunista (PCE). Podemos distinguir tres etapas ben difernenciadas:
-1- OS ANOS 40: REPRESIÓN, EXILIO E GUERRILLA
Ao remate da guerra o réxime de Franco puxo en práctica unha durísima represión sobre os vencidos, evidenciando o seu nulo interese por levar a cabo unha reconciliación nacional e utilizando os métodos represivos como medio de escarmento destinado a anular calquer tipo de disidencia. Unha serie de disposicións legais penalizaron os actos e as opinións dos vencidos, considerándoos como os verdadeiros responsables da guerra. Os cárceres ateigáronse de xente (máis de 200.000 presos ao remate da guerra) e milleiros de persoas foron condeadas a morte en xuízos militares. A administración pública, e incluso algunhas empresas privadas, foron depuradas de todos aqueles sospeitosos de ter simpatizado coa causa republicana.
Nestas condicións, moitos españois tiveron que marchar cara o exilio. Perto de medio millón de persoas abandonaron o país nos momentos finais da guerra, aínda que a maioría tornarían logo e moitos deles serían procesados polos tribunais franquistas. Xunto ao Goberno republicano -que mantería a súa existencia formal ata os anos 70- marcharon definitivamente milleiros de profesionais, obreiros, intelectuais… Os destinos preferentes foron Francia -onde moitos dos exilados se incorporaron á Resistencia durante a II Guerra Mundial- e Latinoamérica, en particular México -onde os republicanos españois realizaron unha notable contribución ao desenvolvemento cultural do país-.

No interior, os partidos e sindicatos que apoiaran á Fronte Popular foron desarticulados e aqueles que intentaron reorganizalos caeron, na súa maioría, nas mans da policía franquista e foron encarcerados ou executados. O único grupo que logrou recompoñer unha feble infraestructura foi o PCE.
O PCE foi o principal impulsor e organizador da guerrilla, aínda que nela se incluiron tamén militantes doutras ideoloxías (socialistas, anarquistas… ). En distintas zonas montañosas da península organizáronse agrupacións guerrilleiras -entre as que salientou a IV Agrupación con base en Galicia e León-, integrando a aqueles que fuxiran ao monte durante a guerra. A guerrilla realizou actos de sabotaxe e atentados contra os representantes das institucións franquistas, e mesmo intentou unha invasión frustrada desde Francia a través do Val de Arán (1944) cun pequeo exército duns 4.000 guerrilleiros. Pero a modificación das circunstancias internacionais levou ao PCE a desmantelar a guerrilla en 1948. Algúns grupos subsistiron pero foron esmorecendo axiña. En Galicia, o apresamento e posterior execución do mítico “Foucellas” (1952) marcou a fin desta forma de loita.
-2- OS ANOS 50: UN PUNTO DE INFLEXION NA ACTIVIDADE DA OPOSICIÓN
A partir de entón, a oposición interior -que puxo en marcha os primeiros movementos de masas- gañou peso fronte ao exilio, o referente republicano foise perdendo e incorporáronse novos sectores que non tiñan vivido a guerra. Con todo, tendeu a actuar desunida e nunca foi capaz de articular unha alternativa viable ao franquismo.Neses anos producironse as primeiras axitacións e protestas políticas contra o réxime, en parte protagonizadas por persoas que non viviran a experiencia da guerra civil. Salientan dous feitos que marcan o inicio dunha aínda tímida acción de masas:
- A folga xeral de Barcelona contra o incremento do prezo dos billetes de tranvía (1951).
- A revolta universitaria de Madrid (1956), na que se mobilizaron os estudiantes para acabar co sindicato oficial, o SEU, e rematou con enfrontamentos coa policia e feridos graves. Significativamente, algúns dos estudiantes mobilizados eran fillos dos vencedores na guerra.
En ambos os casos o réxime respondeu coa represión, pero a partir de entón fóronse facendo máis frecuentes os conflictos se ben non acadarían unha verdadeira importancia ata os anos 60.
-3- ANOS 60: O DESENVOLVEMENTO DUNHA OPOSICIÓN DE MASAS
Nos anos 60, en estreita relación coas transformacións sociais provocadas polo “desarrollismo”, emerxeu unha nova cultura democrática anti-franquista que non tiña xa como referente a guerra civil. Introdúcense libros e publicacións estranxeiros, aparece unha prensa crítica no interior ao abeiro da “Lei de Prensa” de 1966, algunhas minorías comezan a se politizar e, sobre todo, desenvólvese unha importante mobilización social en determinados ámbitos:
- O mundo laboral: xurdíu un novo movemento obreiro, integrado na súa maioría por xoves traballadores, que reivindicaban o dereito á folga e a liberdade sindical (entre 1963 e 1975 producíronse máis de 12.000 folgas nas que participaron uns 4 millóns de traballadores). Os sindicatos históricos non lograron reorganizarse, pero apareceron outros novos como a USO(Unión sindical Obreira) -promovida por cristiáns críticos- e, con especial forza, CC.OO. -impulsado polo PCE a raíz dunha folga na minería asturiana e que vai infiltrarse na estructura sindical franquista-. En Galicia salientan as folgas xerais do Ferrol -onde morreron, abatidos pola policía, dous traballadores- e Vigo en 1972.
- O movemento estudiantil: iniciado cos sucesos de 1956 foi adquirindo crecente pulo nas universidades, onde se formaron pequenos núcleos de activistas do PCE e o FLP (“felipe”). Na Universidade de Santiago, a mobilización estudiantil adquiríu unha especial relevancia en 1968, adiantándose ao desencadeamento do “Maio francés”.
- O movemento veciñal e o asociacionismo cultural: o primeiro apareceu nos barrios de nova creación das grandes cidades, impulsado por militantes de esquerda e cristiáns progresistas que convertiron as protestas veciñais en parte da loita antifranquista. En Galicia e outros lugares fundáronse asociacións culturais coa intención de recuperar os sinais de identidade nacionais negados polo franquismo.
Pero as Forzas políticas da oposición seguían a actuar divididas:
- A máis importante, a pesar da forte represión que sufren os seus membros (execución de Julián Grimau, membro do Comité Central do PCE), continuaba sendo o Partido Comunista, que en 1956 mudara a súa táctica chamando á “reconciliación nacional” e ao derrubamento do réxime mediante unha folga xeral. Estaba presente na maioría dos movementos sociais e asumía plenamente o pluralismo democrático e a existencia de diferentes vías nacionais para construír o socialismo (en 1968 condeou a invasión soviética de Checoeslovaquia). Dirixido por Santiago Carrillo foi con moito o grupo máis activo da oposición. Nos anos 60 e 70 apareceron outros grupos comunistas, a nova esquerda, influídos polo maoísmo, o trostkismo e o Maio francés.
- Moi débil e case inactivo neses anos era o PSOE, cunha dirección no exilio encabezada por Rodolfo Llopis que rexeitaba calquer colaboración cos comunistas -en 1948 tentara chegar a un acordo cos monárquicos de D. Juan- e mantiña unha comunicación precaria cos pequenos grupos do interior. No Congreso de Suresnes (1974) os militantes do interior, con F. González e A. Guerra á fronte, faríanse co control do partido e comezarían a preparalo para a inminente transición democrática.
- En canto á chamada oposición moderada, era tamén moi feble e estaba moi dividida (demócrata-cristiáns, republicanos, monárquicos liberais… ). A súa principal actuación foi a organización, xunto co PSOE, da Reunión de Múnic (1962), en resposta á petición española de ingreso no Mercado Común Europeo. Á reunión -denigrada pola prensa do réxime, que se referíu a ela como o “Contubernio de Múnic”- asistiron personalidades do interior e do exilio e nas súas conclusións reclamouse a necesidade de democratizar España para poder integrarse, como membro de pleno dereito, na comunidade europea. O PCE foi vetado polos grupos organizadores.
- Nas nacionalidades históricas desenvolvéronse tamén partidos nacionalistas. Así occoreu en Cataluña, onde a finais dos 60 a oposición comezou a actuar unida e o conxunto das forzas que a integraban asumían as reivindicacións nacionais catalanas. No País Vasco seguía funcionando o PNV, pero a dinámica política marcábaa cada vez máis ETA (Euskadi ta Askatasuna), fundada en 1959 por un grupo de mozos descontentos co PNV. Definíase como “movemento socialista de liberación nacional” e no 1968 cometeu a súa primeira acción armada, a execución do inspector de policía implicado na represión M. Manzanas.
- En Galicia, o Partido Galeguista fora desactivado nos anos 50, pasando os galeguistas a centrarse no labor cultural coa creación da Editorial Galaxia e a revista Grial. Pero en 1963 xurdiron dous novos grupos nacionalistas de orientación esquerdista: o Partido Socialista Galego e a Unión do Pobo Galego. O PSG nacera como partido de orientación socialdemócrata para evoluir, co cambio de década, cara o socialismo marxista baixo o liderazgo de X.M. Beiras. A UPG, orixinariamente unha “fronte” aberta á incorporación doutros grupos, rematou por converterse nun partido comunista e fundar organizacións de masas que en distintos ámbitos como o estudiantil, labrego e obreiro, competirían coa influencia do PCE. Este, en parte pola presión destes novos grupos nacionalistas, creou en 1968 o Partido Comunista de Galicia, federado co PCE e dirixido polo comunista histórico Santiago Álvarez.
-
Nos últimos anos do franquismo a oposición adquiríu unha forza e un dinamismo sen precedentes e creou os seus primeiros organismos unitarios: en xullo de 1974, por iniciativa do lider do PCE Santiago Carrillo, constuíase en París a Xunta Democrática e en xuño de 1975 organizábase a Plataforma de Converxencia Democrática, liderada polo PSOE. Os contactos entre ambas deron como resultado a formación da Plataxunta, que agrupaba a todos. Os grupos de oposición defendían a ruptura democrática, isto é, unha transición xestionada pola mesma oposición a través dun Goberno Provisional que concedería unha amnistía, legalizaría todos os partidos políticos e os sindicatos, recoñecería os dereitos básicos e convocaría a celebración dunhas eleccións libres e dun referendo sobre a forma de Estado.





Presentación « Historias dixo
[...] O Franquismo [...]