Historias

de España e do Mundo, para o Bacharelato

A Segunda República

Tema 8: Segunda República e Guerra Civil (1931-1939)

8.1. A SEGUNDA REPÚBLICA (1931-1936)

Etapas:

1- Goberno provisional: desde a procalamación da república (abril 1931) ata as 1ª eleccións.(xuño 1931)

2- Bienio de esquerdas ou reformista: desde xuño 1931 ata as segundas eleccións (novembro 1933)

3- Bienio de dereitas ou rectificador: desde novembro 1933 ata as terceiras eleccións (febreiro 1936)

4- Fronte Popular: desde febreiro 1936 ata o golpe militar (xullo 1936)

-1- O GOBERNO PROVISIONAL (Abril-Xuño.1931)goberno provisional da Segunda República

As eleccións municipais do 12 de abril déronlle unha clara volta á situación política do país. O triunfo das candidaturas republicanas nas principais cidades foi interpretado como un plebiscito desfavorable á monarquía. O 14 de abril en diversas localidades foi proclamada a república. En Madrid, ante a pasividade das autoridades ( ¿que quiere que le diga cuando un pueblo se acuesta monárquico y se levanta repúblicano? Comentou o almirante Aznar) e contando co apoio popular o comité revolucionario fixose co poder sen derramamento de sangue. Ante estes acontecementos, o rei, non contando con apoios claros decidiu partir cara o exilio: “ la monarquía se había suicidado” declarou Miguel Maura.

Afonso XIII

Doc. Alfonso XIII renuncia ao trono:”As eleccións celebradas o domingo revélanme claramente que non teño hoxe o amor do meu pobo. A miña conciencia dime que ese desvío non será definitivo, porque procurei sempre servir a España e puxen o único afán no interese público ata nas máis críticas coxunturas. (…) un rei podese equivocar e sen dubida errei eu algunha vez…
Acharia medios sobrados para manter as miñas rexias prerrogativas (…). Pero, resoltamente, quero afastarme de canto sexa lanzar a un compatriota contra outro en fratricida guerra civil (…) e mentres fala a nación suspendo deliberadamente o exercício do Poder Real e alónxome de España, recoñecéndoa deste xeito como a única dona dos seus destinos. (…)”
(ALFONSO XIII, Manifesto, Abril de 1931)

-a- As primeiras medidas

Mentre tanto, os membros do comité republicano dirixíronse cara á Porta do Sol onde tomaron posesión do goberno e proclamaron a República en medio do entusiasmo popular. Formouse un Goberno provisional no que participaron a dereita liberal republicana (Maura e Alcalá Zamora), republicanos de esquerda (Azaña), radicais (Lerroux), socialistas (Francisco Largo Caballero, Indalecio Prieto e Fernando de los Ríos), nacionalistas cataláns e sectores galeguistas (Casares Quiroga). Fora da coalición quedaban a dereita monárquica, os nacionalistas vascos e o obreirismo mais radical (comunistas e anarquistas). Nas suas primeiras medidas e seguindo o acordado no Pacto de San Sebastián, o Goberno provisional convocou eleccións a Cortes Constituíntes para o 28 de xuño do 31. Paralelamente, decidiu emprender con premura algunhas das reformas consideradas de extrema urxencia:

-Unha serie de decretos ministeriais puxeron en marcha un proxecto de reforma agraria, unha nova lexislación social e o inicio da reforma do exército. Ademais o goberno tivo que facerlle frente ó problema catalán: o 14 de abril os nacionalistas cataláns proclamaran a república catalana invitando o resto dos pobos de España a formar unha federación, o goberno tivo que negociar e conseguiu que se retractaran a cambio de recoñecer a existencia de un goberno catalán: a Generalitat. A república nacía así recoñocendo a posibilidade de autonomía política.

Hai que destacar que a república nace nunha coxuntura internacional desfavorable: chegada a España dos efectos da crise económica dos anos 30 e extrema polarización da vida política europea (fascismo vs. Comunismo). As suas reformas van xerar ademais moitas resistencias ofrecidas polos sectores máis conservadores da sociedade española, moi en especial a igrexa, e por outro lado as impaciencias e intentos revolucionarios dalgúns sectores populares, nomeadamente os anarquistas. En definitiva aumentaron a fragmentación e polarización políticas. ( Forzas políticas na segunda républica)

2- O BIENIO DE ESQUERDAS (das eleccións de Xuño.31 ás eleccións de Novembro.33)

O 28 de xuño de 1931 celebráronse eleccións xerais cun notable índice de participación de máis do 70%. O sistema electoral, que primaba as maiorías otorgou un rotundo triunfo as esquerdas: socialistas e republicanos obtiron a maioría:

PSOE

114

AR (Acción Republicana)

30

PRR (Partido Republicano Radical)

89

Agrarios

24

PRS (Partido Radical-Socialista)

55

Nacionalistas de dereita (PNV, Lliga)

19

Republicanos de centro

50

ORGA

19

ER (Esquerra Republicana Cataluña)

36

Outros

34

-a- A Constitución de 1931

As Cortes elexidas confirmaron nos seus postos ós membros do Goberno mentres non se aprobaba unha nova Constitución.

A Constitución de 1931 tivo un marcado carácter democrático e progresista e definía ó Estado español como “unha República de traballadores de todas clases”. Establecía os seguintes principios:

a) O Estado configurábase de forma “integral”, pero aceptábase a posibilidade de constituir gobernos autónomos nalgunhas rexións.

b) Nova división de poderes. A Constitución privilexiaba o poder lexislativo sobre os demais. O poder lexislativo residía plenamente nas Cortes, constituidas por unha soa cámara. O poder executivo recaía no Consello de Ministros e no presidente da República, figura de nova creación ( o seu mandato era de seis anos e tiña a facultade de nomear e separar libremente ó presidente do goberno, contando coa confianza das Cortes; tamén tiña a facultade de suspender e disolver as Cortes, pero só dúas veces durante o seu mandato). O poder xudicial confiábase a uns xuíces independentes. Os conflictos entre poderes confiábanse a un Tribunal de Garantías Constitucionais.

c) Declarábase a separación Igrexa e Estado, recoñecíase o matrimonio civil e o divorcio.

d) Presentaba unha ampla declaración de dereitos e libertades, extendida a temas económicos e sociais, relativos á familia, á educación e ó traballo.Expresaba a igualdade de tódolos cidadáns ante o dereito á educación e ó traballo. Establecía o voto desde os 23 anos e por primeira vez concedíase o voto ás mulleres. A discusión do sufraxio feminino dividiu os partidos e foi defendida por Clara Campoamor.

A Constitución non conseguiu o consenso de tódalas forzas políticas, aínda que foi aprobada por ampla maioría poñendo de manifesto as profundas diferencias entre a esquerda e a dereita, sobre todo no referente a cuestión relixiosa e autonómica.

A aprobación dos artigos relixiosos da Constitución provocou a dimisión dos sectores católicos do goberno, polo que Manuel Azaña sustituíu a Alcalá Zamora na Xefatura do Goberno.

-b- As reformas

Unha vez rematada a constitución as cortes elexiron a Alcala-Zamora presidente da República, este encargoulle formar goberno a Manuel Azaña e o novo xefe do goberno, que tiña que elexir entre radicais ou socialistas, optou por estes últimos e formou un goberno con republicanos de esquerdas e socialistas que durou dous anos e emprendeu as principais reformas entre decembro de 1931 e setembro de 1933, as máis importantes foron:

1- A reforma agraria

A reforma da agricultura foi o proxecto de maior envergadura iniciado pola República, debido o papel que desempeñaba na economía española. Dunha poboación activa de 8,5 millóns de persoas, case a metade traballaban na agricultura. Ademais, en Andalucía, Castilla e Estremadura máis do 50% da terra estaba en mans dun reducido grupo de grandes propietarios.

Os dirixentes da República propuxéronse buscar solucións á cuestión agraria e emprender unha reforma que mellorase a situación dos campesiños e permitise poñer fin ó relativo atraso de gran parte da agricultura española. Os primeiros decretos estableceron a prohibición de poñer fin ós contratos de arrendamento. Tamén fixaron a xornada laboral de oito horas no campo, o establecemento de salarios mínimos e a obriga dos propietarios de poñer en cultivo as terras aptas para elo. Pero a verdadeira reforma levouse a cabo coa Lei de Reforma Agraria, aprobada polas Cortes en 1932.

O obxectivo da lei era a expropiación dos latifundios e o asentamento de campesiños. A lei permitía a expropiación sen indemnización das terras dunha parte da nobreza ( os Grandes de España), mentras as que estiveran cultivadas deficientemente, as arrendadas sistemáticamente ou as que, podendo ser regadas non o eran, podíanse expropiar, pero indemnizando ós seus propietarios.

A aplicación da lei encárgouse ó Instituto da Reforma Agraria (IRA), que contaba cun presuposto anual para indemnizar ós propietarios expropiados e encargábase de facilitar o asentamento de familias campesiñas.

Os resultados da reforma foron bastante limitados e aumentaron a tensión social. A reforma aplicouse con moitas limitacións e acabaron expropiándose moitas menos hectáreas das previstas e asentáronse moitos menos campesiños dos esperados inicialmente. Causas deste fracaso foron a complexidade técnica da propia lei, a lentitude e as dificultades burocráticas da súa aplicación, a falta de presuposto destinado ás indemnizacións e, finalmente , a resistencia dos propietarios, que recurriron a todo tipo de medios para esquivar a lei.

A aplicación da reforma agraria tivo consecuencias sociais importantes. Por un lado, os grandes propietarios mostraron o seu descontento e mantiveron a miúdo unha actitude desafiante frente ós campesiños. Ademais, a maioría dos propietarios agrícolas aliaronse cos enemigos do réxime e isto favoreceu a unión das forzas conservadoras na súa oposición ás reformas republicanas. Por outro lado, os campesiños quedaron decepcionados e orientáronse hacia posturas máis revolucionarias que conlevaron comportamentos e actuacións violentas e de enfrontamento coas forzas da orde pública, nomeadamente coa Garda Civil.

2.Reforma da Igrexa:

A República propúxose limitar a influencia dunha igrexa moi poderosa na sociedade española, e secularizar a vida social. Estas intencións plasmáronse na Constitución, que estipulou:

a non confesionalidade do Estado, a liberdade de cultos e a supresión do orzamento de culto e clero, permitiuse o divorcio, o matrimonio civil e secularizáronse os cemiterios. O temor ás ordes relixiosas pola influencia que estas tiñan a través da ensinanza levou á disolución da orde dos xesuítas e a nacionalización dos seus bens, prohibíuselles a ensinanza ás outras ordes. Finalmente, a Lei de Congregacións limitóulle a posesión de bens ás ordes relixiosas e preveu a posibilidade de disolución en caso de perigo para o Estado.

O problema relixioso creoulle ó réxime republicano os seus maiores inimigos e protagonizou os debates mais afervoados, o que deu como resultado que unha parte dos sectores católicos da sociedade percibise esta lexislación como unha agresión á relixión. Así, unha boa parte da xerarquía eclesiástica non dubidou en manifestar o seu antagonismo cara á República e en mobilizar a opinión pública na súa contra. Diante da actitude hostil de parte da xerarquía eclesiástica, o goberno optou por unha medida de forza e expulsou de España ó cardeal Segura e o bispo de Vitoria. A aumentar o clima de tensión contribuíron, asemade, o anticlericalismo tradicional dunha parte das clases populares así como a violencia esporádica (queima de conventos) dos sectores máis radicais.

3- A reforma do exército

A república atopou un exército cunha historia repleta de intervencións na política, que ocupabaun lugar privilexiado entro do estado e da sociedade, que carecía de armamento moderno e tiña un exceso de oficiais, moitos máis dos necesarios: 21.000 xefes e oficiais fronte a 118.000 homes de tropa.

Azaña impulsou persoalmente unha reforma no exército que pretendía crear un exército profesional e democrático, para o cal cría que era necesario reducir os efectivos militares, acabar co excesivo número de oficialidade. Azaña, tamén se propoñía poñer fin ó fuero especial dos militares e asegurar a súa obediencia ó poder civil, acabando coa tradicional intervención do exército na vida política e co golpismo.

Para estes fins fíxouse a “lei do retiro da oficialidade”, pola que todos os militares en activo tiñan que prometer a súa adhesión ó réxime, concedéndolles a posibilidade de retirarse co soldo íntegro se así o desexaban. Ademais, suprimiuse a lei de xurisdiccións, suprimíronse algúns rangos tradicionais, reduxose o número de unidades e oficiais e pechouse a Academia Militar de Zaragoza para frear o crecemento innecesario do número de oficiais. Para evitar ter que recorrer ó exército e á Garda Civil, moi desprestixiada polas súas violentas represións, o Goberno provisional creou un novo corpo para ter unha forza leal á República: A Garda de Asalto, unha policía nacional republicana que debía utilizarse para controlar as manifestacións e asegurar a orde pública nas cidades. Aínda así o poder militar seguiu controlando importantes postos do estado desde a xefatura da policía á da Garda Civil.

A reforma, aínda que estivo tecnicamente ben plantexada, non logrou os seus obxectivos porque o número de oficiais retirados foi menor co esperado polo goberno. Conseguiuse a diminución dos gastos do exército, pero a reducción do orzamento da defensa dificultou a modernización do material, do armamento e dos equipamentos. Por todo isto, a lei foi recibida por sectores do exército, sobre todo polos africanistas, como unha agresión á tradición militar e provocou amplas tensións e un intento de golpe de estado militar do xefe da garda civil, o xeneral Sanjurjo en 1932, foi a “sanjurjada”.

4- A reforma do Estado centralista. As autonomías.

A Constitución republicana intentou conxugar as aspiracións de autogoberno dalgunhas rexións coa defensa do Estado unitario, establecendo que o Estado integral republicano era compatible coa autonomía dos municipios e as rexións. Aquelas zonas que, en razón de afinidades históricas, culturais e económicas decidiran organizarse como rexión autónoma, deberían elaborar un Estatuto de Autonomía e superar as seguintes condicións: ser proposto pola maioría dos concellos, ser aprobado polos dous tercios dos electores da rexión en referendo e, por último, ser aprobado polas Cortes xerais.

En Cataluña, Francesc Maciá, presidente de Esquerra Republicana, proclamara a república catalana dentro da Federación Ibérica, que quedou anulada tralas negociacións levadas a cabo co Goberno provisional. Éste recoñeceu un goberno autonómico (Generalitat) e unha comisión quedou encargada de redactar un estatuto (Estatuto de Nuria) que foi aprobado en referendo popular. O estatuto sufriu un retraso na súa aprobación pero finalmente foi aprobado en 1932, aínda que con recortes respecto o de Nuria. O réxime autonómico contaba cun goberno e un parlamento propios con competencias en materia económica, social, educativa e cultural, transportes e comunicacións e orde pública (creación dos Mossos d´esquadra); tamén se recoñecía a cooficialidade do catalán. As primeiras eleccións ó Parlamento catalán deron a victoria a Esquerra Republicana e Francesc Maciá converteuse no primeiro presidente de Cataluña.

No País Vasco, os nacionalistas do PNV e os carlistas aprobaron en xuño de 1931, un proxecto de estatuto (Estatuto de Estella) conxunto para o País Vasco e Navarra. Este proxecto contou coa oposición dos republicanos e socialistas por consideralo excesivamente tradicionalista e confesional, escasamente democrático e incompatible coa Constitución. A partir de 1934, os carlistas aliáronse coas forzas monárquicas mentres que o PNV acercouse ás forzas republicanas. Isto facilitou que en outubro de 1936, xa iniciada a Guerra Civil, se aprobara un estatuto. Éste só se pudo aplicar na zona non ocupada polos sublevados. José Antonio Aguirre, líder do PNV foi elexido o primeiro lendakari.

Galicia tamén iniciara o seu proceso. No momento de ser proclamada a II República, a defensa do galeguismo e da autonomía de Galicia estaba asumida por distintas entidades culturais e os republicanos. En 1929 foi fundada a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) por Casares Quiroga quen conseguíu acta de deputado en Madrid. ORGA recollía dúas vellas aspiracións: nacionalismo (Estatuto de Autonomía) e republicanismo. A finais de 1931, ante o crecente desinterese de Casares Quiroga polos temas propios de Galicia e co fin de aglutinar a todos aqueles que sentían a necesidade de defender os intereses galegos, nace en Pontevedra o Partido Galeguista. Neste partido conflúen distintos homes e correntes de pensamento: Partido Nacionalista Republicano (Risco, Otero Pedrayo); Partido Galleguista de Pontevedra (Castelao, Paz Andrade, Filgueira Valverde, Cabanillas); Organización Republicana Gallega Autónoma de Buenos Aires (Alonso Ríos, Suárez Picallo); O seu obxectivo básico foi a defensa e a conquista da autonomía para Galicia, así como dos seus intereses económicos, sociais e culturais.

A elaboración e aprobación do ESTATUTO DE AUTONOMÍA foi a principal actividade do nacionalismo galego durante a II República. O Partido Galleguista foi o maior impulsor. En 1932 varios grupos e institucións nacionalistas elaboraron anteproxectos de Estatuto. A proposta do concello de Santiago e do seu alcalde López Pol tivo unha boa acollida e foi a base da redacción definitiva. O proxecto elaborado foi discutido e aprobado nunha Asamblea de concellos celebrada en Santiago (19-12-1932). O seguinte paso era sometelo a referendo popular, para o que se precisaba un decreto do Consello de Ministros fixando a data e os requisitos para a celebración do mesmo. O decreto foi promulgado en maio de 1933, pero co triunfo das dereitas nas eleccións de novembro de 1933 o proceso quedou paralizado.

Trala victoria da Fronte Popular en 1936 reábrese o proceso estatuario e pódese celebrar o referendo o 28 de xuño de 1936. Tras unha intensa campaña a favor do Estatuto, este foi votado afirmativamente polo 99% dos votos. O 15 de xullo foi presentado nas Cortes españolas para a súa discusión e aprobación. Tres días despois produciuse a sublevación militar e o inicio da Guerra Civil. As Cortes republicanas trasladadas a Cataluña por mor da guerra, máis nun xesto simbólico que efectivo, admitiron a trámite parlamentario o Estatuto de Galicia en 1938, mais nunca foi discutido nin aprobado.

Todos estes procesos despertaron recelos e oposición entre os defensores do centralismo e, nomeadamente, entre os militares, que se consideraban depositarios da unidade nacional.

5. A reforma educativa

O principal obxectivo do goberno de esquerdas era promover unha educación liberal e laica e facer do Estado o garante do dereito á educación. A súa política ía encamiñada a diminuir as elevadas taxas de analfabetismo existentes e mellorar o nivel cultural da población, creando cidadáns libres responsables que serviran de base para a transformación da sociedades. Na Constitución quedou recollida a nova filosofía educativa: ensino obrigatorio, mixto, gratuíto e laico.

O cese de actividades docentes dos relixiosos obrigou ao goberno a iniciar um acelerado programa de construcción de escolas. O centro da súa actividade foi o desenvolvemento dun vasto proxecto de escolarización que pretendía a construcción de numerosas escolas en toda España (10.000) e a mellora da formación dos mestres (7.000 novos mestres).

O desexo de levar a instrucción e a cultura a tódolos sectores sociais e a tódolos lugares, especialmente ós máis apartados, propiciu a posta en marcha de dúas experiencias orixinais: As Misións Pedagógicas, integradas por mestres e estudantes universitarios que levaron ás zonas rurais bibliotecas, cine, coros, teatros, conferencias,…; e La Barraca, agrupación teatral formada por estudantes universitarios e dirixidos por Federico García Lorca que, dende 1932 recorreu os pobos de España representando pezas de teatro clásico e popular.

c- A Oposición:

Estas reformas polarizaron a vida política española e o réxime republicano topou coa resistencia e a oposición dos sectores directamente afectados (Igrexa, Exército, propietarios de terras, organizacións patronais,…) pero tamen dos grupos esquerdistas que querían axiña unhas reformas máis radicais.

1- A oposición dos sectores conservadores/dereita plásmase en feitos como:

- a reorganización política da dereita coa fundación da CEDA (Confederación Española de Derechas Autónomas: partido de masas dirixido por Gil Robles e definido polo seu conservadurismo, catolicismo e accidentalismo sobre as formas de goberno -non se define republicana-) e de grupos fascistas como as JONS (Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista) e a Falange Española, partido fundado polo fillo do dictador José Antonio. Os seus seguidores formaron grupos de carácter paramilitar com elementos distintivos: camisa azul, o xugo e as flechas, o saludo fascista e o himno “Cara al Sol”.

- O intento de sublevación do xeneral Sanjurjo (Agosto.32) Monárquicos e militares descontentos tentaron levar a cabo un golpe de Estado que restablecera a orde e a disciplina social. Estaba financiado pola grande nobreza propietaria de grandes latifundios do Sur de España, temerosa das consecuencias que poderían derivarse da reforma agraria, e contaba coa participación de un número reducido de militares encabezados polo xeneral Sanjurjo. Sanjurjo sublevouse en Sevilla en 1932, sendo secundado en Madrid por outros militares, pero os seus escasos apoios permitiron ás autoridades republicanas controlar o golpe.

2- O descontento de certos sectores populares pola lentitude ou insuficiencia das reformas sociais provocaron unha vaga de conflictividade, alentada pola incidencia do paro e das duras condicións de vida. No campo, as medidas favorables ós xornaleiros e os proxectos de realizar unha redistribución da propiedade foron mal recibidos polos propietarios que, en moitos casos, reaccionaron deixando de cultivar as terras e de contratar braceiros. Os xornaleiros impacientes pola inefectividade das reformas e exasperados pola falta de traballo, alentados polas súas organizacións sindicais, aumentaron as folgas, manifestacións e ocupacións ilegais de terras. Estes conflictos foron duramente reprimidos pola Garda Civil (ex. o episodio de Casas Viejas, onde algúns dos campesiños sublevados foron queimados na casa onde resistían e outros fusilados sen xuízo).

A coalición gubernamental, formada por republicanos de esquerdas e socialistas e presidida por Azaña foise debilitando ó longo de 1933 como consecuencia de diversos factores externos (represión de Casas Viejas, a oposición de dereitas cada vez máis organizada, a reducción de apoios populares manifestada no fracaso das eleccións municipais de 1933) e internos (disensións entre republicanos e socialistas). Ante a falta de apoios, Alcala Zamora retiroulle a confianza a Azaña e, ante a imposibilidade de atopar outro candidato, concocou eleccións.

3- O BIENIO DE DEREITAS (das eleccións de Novembro 33 ás eleccións de Febreiro 36)

resulados electorais 1933

a- A paralización das reformas

Nas eleccións xerais de novembro de 1933 resultaron vencedores os partidos de dereitas. O partido que obtivo mayor número e escanos foi a CEDA de Gil Robles seguido do Partido Republicano Radical de Lerroux. A pesar de que a CEDA era a forza máis votada, o presidente Alcalá Zamora nomeu como xefe do Goberno a Alejandro Lerroux. O novo goberno orientou a súa acción política ó desmantelamento de toda a obra reformista do bienio anterior. Os gobernos estructuráronse ó redor das dúas forzas políticas vencedoras, o Partido Radical de Lerroux, (que perdera en boa parte o carácter demagóxico de principios do século e que virara cara a posicións netamente mais conservadoras), e a CEDA, un partido aglutinador da dereita e liderado por Gil Robles, cun programa que propuña a revisión da Constitución e da lexislación social. Nun principio gobernaron só os radicais co apoio parlamentario da CEDA, est provocaría unha constante inestabilidade.

O novo goberno presidido por Alexandre Lerroux iniciou o seu mandato coa paralización de boa parte do proxecto reformista anterior: No campo freouse totalmente a reforma agraria, fixouse a devolución de terras á nobreza e anulouse a cesión de terras mal cultivadas, O agro coñeceu un ambiente de revancha, os propietarios amosaron a súa vontade de se desquitar das reformas anteriores e os campesiños responderon con numerosas folgas. Para contarestar a reforma relixiosa dotouse outra vez dun presuposto para o culto e o clero e intentouse firmar un concordato coa Santa Sé. A reforma militar seguiu vixente pero se aprobou unha amnistía para os sublevados con Sanjurjo no 32. O goberno tamen entrou en conflicto coa Generalitat pola “Lei de Contratos de Cultivo” que pretendía converter aos arrendatarios de viñas, rabaissaires, en propietarios. Paralizouse tamen a discusión no parlamento do Estatuto Vasco impulsado polo PNV. Hasta en educación chegaron os recortes e reduciuse sustancialmente o seu orzamento.

Todo esto provocou o enfrontamento coas forzas nacionalistas de Cataluña e do País Vasco, así como a radicalización dos socialistas (motivada pola paralización das reformas) e a proliferación de folgas e de conflictos, levou á CEDA a endurece-la súa posición e a reclamar unha acción mais contundente en materia de orde pública, esixindo participar directamente no goberno. O presidente do goberno, Lerroux, accedeu a estas peticións e o 5 de outubro outorgoulle tres carteiras ministeriais á CEDA..

b- A oposición de esquerdas: A Revolución de Asturias

. A entrada de membros da CEDA no goberno foi interpretada pola esquerda como un camiño cara o fascismo. En resposta os socialistas convocaron unha folga xeral revolucionaria.

- A folga xeral: convocada pola UXT en toda España, contou con escaso apoio da CNT e dos comunistas e tivo eco nalgunhas cidades como Sevilla, Córdoba, Valencia, San Sebastián, Barcelona, Bilbao ou Madrid. Fracasou pola falta de coordinación e de unión obreira e pola contundente resposta do goberno que decretou o estado de guerra. A pesar diso, os acontecementos adquiriron especial relevancia en Asturias e Cataluña.

- A revolución de Asturias. En Asturias e Norte de León o chamamento á folga xeral deu lugar a unha forte insurrección obreira que pretendía facerse co poder político e controlar os medios de producción. A alianza de tódalas forzas obreiras (socialistas, anarquistas e comunistas) permitiu o triunfo da revolución. Conseguiron a ocupación de gran parte dos cuarteis da Garda Civil e o dominio de gran parte dos concellos, incluído Oviedo, que foron substituídos por comités revolucionarios locais que se fixeron cargo da administración, de garantir o funcionamento da producción e de manter a orde pública. Para controlar a situación o goberno enviou tropas da Lexión e dos Regulares ó mando do xeneral Franco. A resistencia asturiana prolongouse durante uns dez días, pero finalmente foron derrotados. O balance foi cruento, ó redor de 2000 mortos e 5000 detidos.

- A proclamación do Estado catalán. En Cataluña a rebelión tivo unha dobre vertente: por un lado os obreiros, seguindo as ordes la Alianza Obreira local, protagonizaron unha folga xeral; por outra, a Generalitat, dirixida por Lluís Companys, sublevouse contra o Goberno central e proclamou a formación da República catalana dentro da República Federal española. A falta de coordinación entre os obreiros e a Generalitat e a escasa participación da CNT, que era a forza maioritaria, facilitou o control da situación polo exército, dirixido polo xeneral Batet. O Estatuto catalán foi anulado e todo o goberno catalán encarcerado.

c- A crise do segundo bienio

As consecuencias da revolución de outubro foron notables. A influencia da CEDA no goberno aumentou. A CEDA amosouse partidaria de aplica-las condenas con rigor e de proceder a unha orientación mais dura da política do goberno. Suspendeuse o Estatuto de autonomía de Cataluña, devolvéronselle.las propiedades ós xesuítas e nomeouse a Gil Robles Ministro da Guerra e a Franco Xefe de Estado Maior. Sen embargo, a dura represión uniu as forzas de esquerdas, ata daquela divididas, contra á política do goberno e ó redor dun programa común que esixía en primeiro lugar a amnistía para tódolos detidos.

Ó longo de 1935, os gobernos radical-cedistas caracterizáronse pola súa inestabilidade (falta de entendemento entre o presidente da República Alcala Zamora e Lerroux, enfrontamentos internos dentro da coalición provocados polos escándalos de corrupción do Partido Radical, como o caso do “estraperlo” (unha ruleta amañada creada por Strauss e Perli que baixo soborno se tentara implantar en varios casinos españois) ou os casos de malversación de fondos por parte de varios políticos radicais). Con esta crise, Gil Robles agardaba ser o novo presidente do goberno pero Alcalá Zamora, temeroso da reacción popular preferiu nomear a políticos independentes de centro como Portela Valladares; a falta de viablilidade dos sucesivos gobernos levou a convocar novas eleccións para febreiro de 1936.

Paralelamente produciuse un proceso de reorganización das forzas políticas tanto de dereitas como de esquerdas. Os monárquicos e conservadores formaron o Bloque Nacional, manifestamente contrario á vixencia do réxime e a Constitución republicana.

Os partidos de esquerda (republicanos, socialistas e comunistas) únense formando a Fronte Popular, unha coalición basada nun programa común que defendía a concesión dunha amnistía para os encarceados de outubro, a reintegración nos postos de traballo para os represaliados por razóns políticas e a volta a lexislación reformista do primeiro bienio.

O resultado das eleccións marcou unha clara división: a Fronte Popular obtivo o 48% dos votos, mentres as dereitas se fixeron co 46.5%. as forzas que se reclamaban de centro só obtiveron un 5.4 % dos votos.

4- A FRONTE POPULAR (das eleccións de Febreiro.36 ao levantamento militar de Xullo.36)

a- O goberno da fronte popular

As eleccións de 1936 evidenciaron a polarización da vida política española, dividida claramente entre dereitas e esquerdas e con programas políticos nidiamente enfrontados. O triúnfo da Fronte Popular non foi aceptado polos sectores mais reaccionarios da sociedade española, que iniciaron unha conspiración contra a República, mentres os sindicatos e os partidos obreiros esixían o afondamento das reformas sociais do primeiro bienio republicano.

Doc 4.-En xaneiro de 1936, a Fronte Popular presenta o seu pacto-programa:

“Como suposto indispensable de paz pública, os partidos coaligados comprométense:

1°. A conceder por lei unha amplia amnistía dos delictos político-sociais cometidos posteriormente a novembro de 1933 (…). Restablecerán o imperio da Constitución (…).

Derogarán inmediatamente a vixente lei de arrendamentos (…). Consolidación na propiedade, previa liquidación, ós arrendatarios antigos e pequenos (…).

A República ten que considerar o ensino como atributo indeclinable do Estado (…). Pularán, co ritmo dos primeiros anos da República, a creación de escolas de primeira ensinanza”.

O triúnfo electoral comportou a reorganización da República. Manuel Azaña foi nomeado presidente da República en sustitución de Alcala Zamora , e Casares Quiroga, presidente do executivo. O goberno, formado exclusivamente por ministros republicanos pero apoiado parlamentariamente polos socialistas, puxo de contado en marcha o programa pactado na coalición electoral: decretouse unha amnistía, o goberno da Generalitat volveu de novo ó poder e restableceuse o estatuto de autonomía, mentres principiaba as negociacións para a aprobación dun estatuto para o País Vasco e outro para Galicia. O novo goberno retomou o proceso reformista interrompido durante o bienio de dereitas. Para frealos rumores golpistas afastou do poder a algúns xenerais mais proclives ó golpismo e trasladounos a outros destinos (Franco a Canarias e Mola a Navarra).

O triúnfo das esquerdas trouxo consigo unha intensa mobilización popular que creou un clima de tensión social: Os sindicatos e partidos de esquerda radicalizaron as súas posicións: os anarquistas defendían a revolución, mentres un sector do socialismo, encabezado por Largo Caballero alias “ o Lenin español”, tamén se orientaban cara a solucións radicais. Entre a dereita, a Falanxe Española asumiu un forte protagonismo e fomentou un clima de enfrontamento civil e de crispación política. Grupos de falanxistas formaron patrullas uniformadas e armadas que iniciaron accións violentas contra os líderes esquerdistas; os enfrontamentos entre militantes de dereita e esquerda propagáronse entre febreiro e xullo de 1936. Entre os sectores mais conservadores da sociedade empezou a tomar corpo a idea de que o recurso ó golpe de estado militar era a única solución.

b- A preparación do golpe de Estado:

O xeneral Mola foi o verdadeiro xefe do golpe, “o director”. O seu proxecto consistía na organización dun pronunciamento simultáneo en tódalas gornicións militares posibles, sendo consideradas clave as de Madrid e Barcelona, e como reserva especial tiña ó exército de África, o mellor preparado de todos, e o mando del era o xeneral Franco. Mola entendía que o xefe supremo da sublevación sería o xeneral Sanjurjo, o sublevado e condenado en 1932, respectado por todos altos mandos que vivía exiliado en Portugal. A conspiración deseñada polos militares contaba co apoio das forzas políticas máis de dereitas: CEDA, Comunión Tradicionalista e a Falanxe Española de las JONS.

.-José Díaz, secretario xeral do PCE, denuncia nas Cortes a existencia dun complot contra o goberno da Fronte Popular (15 de xullo de 1936):

“Señor Gil Robles (…), estamos completamente seguros de que en moitas provincias de España se están a facer preparativos para o golpe de Estado (…). Todos estamos vixiantes, a fin de que non poidades levar a cabo os vosos intentos porque, de facelo así, levaredes a España polo camiño polo que a levastes neses dous anos de represión, de fame e de descrédito para o país. Nós non queremos esa España, senón unha España democrática, onde haxa benestar para os obreiros e para as clases populares (…). Non queredes acatar o que representou o triunfo do 16 de febreiro, e de aí a vosa política e a vosa actuación”.

O 12 de xullo un comando de extrema dereita asasinou ó tenente da Garda de Asalto José Castillo; como represalia, o día seguinte un grupo de Gardas de Asalto, asasinou a Calvo Sotelo, dirixente dos monárquicos. O seu enterro foi un adianto da declaración de guerra. Pero o asesinato de Calvo Sotelo non foi o determinante da sublevación, que xa estaba decidida. A sublevación iniciouse en Marrocos o 17 de xullo e o día seguinte esténdeuse a toda a Península. O fracaso do golpe militar en boa parte de España desencadeou o inicio dunha guerra civil que se prolongaría durante tres anos.

Unha resposta to “A Segunda República”

  1. [...] A Segunda República [...]

Deixa un comentario

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>